Os concelleiros do PP destacan que o orzamento municipal de Viveiro para o ano en curso aínda non está aprobado. Polo tanto, hai tantas posibilidades de incluír a mellora da praza Pastor Díaz como queira o equipo de Loureiro. Rodríguez sinala: “E polo que se ve non quere, non ten intención ningunha de mellorar este ámbito urbano. E iso que levamos rexistrados nos últimos doce meses oito accidentes, oito caídas de veciños; estes accidentes falan ben claro do estado en que se atopa o pavimento da praza e da necesidade de intervir”.
Os populares sinalan, por boca de Óscar Rodríguez: “Pouco despois de rexeitar a nosa proposta, o goberno apoiou unha moción do concelleiro non adscrito para incluír no orzamento un plan municipal para a xuventude, un plan que está sen facer e que hai que valorar; e decide incorporalo aos orzamentos sen máis. Está claro que o voto en contra do goberno á mellora da praza non ten que ver coa cuestión orzamentaria”. Rodríguez recorda que o seu grupo propuxo elaborar un informe técnico sobre o pavimento e o alumeado da praza, para que servira de base para a mellora de tan significativo ámbito urbano.