O popular critica a actitude “totalmente pasiva” do goberno local ante este asunto porque “levamos dous anos advertindo do perigo e incluso no pleno de setembro do ano pasado preguntamos de novo ao equipo de goberno se agardaban a que houbese danos a terceiros para arranxar este problema; pero a alcaldesa escusouse dicindo que se se quitaban as chapas, se producirían filtracións de auga. A realidade é que se producen filtracións igualmente debido á falta de paneis e ao estado lamentable dos que quedan no lateral do edificio”. Aínda así, “dende o goberno local non actuaron para evitar posibles riscos ás persoas”, lamenta.
Rodríguez explica que “estes desprendementos se producen cando fai moito vento”. Por iso incide en que “é necesario retirar os elementos que supoñen un perigo para as persoas porque o lugar onde caeu a chapa este martes é moi concorrida polos pais e nais que levan e recollen aos seus fillos no PAI. Houbo sorte de que non causou danos materiais nin persoais”. O voceiro do PP engade tamén que “é unha irresponsabilidade por parte do goberno local non ter actuado con máis rapidez para dar solución a este problema”.