Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz denuncia que por desidia do alcalde as traballadores do Servizo de Axuda a Domicilio aínda non están vacinadas

Foz, 26 de febreiro de 2021. O pleno celebrado pola corporación municipal de Foz o pasado xoves puxo de manifesto, unha vez máis, que a única política que sabe desenvolver o alcalde, o socialista Fran Cajoto, é a das mans no peto, a de non facer nada para mellorar os servizos municipais. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, denuncia a situación na que se atopa o Servizo de Axuda a domicilio e insta ao rexedor, ao que ve totalmente desbordado e en actitude de desidia total, a “que canto antes se interese tanto na Consellería de Sanidade como na Fegamp de por que as traballadoras de SAF-dependencia de Foz están sen vacinar e noutros concellos si o están”.

Castiñeira sinala: “No pleno ordinario do día de onte, comprobamos unha vez máis a falta de xestión e a desidia do alcalde e en xeral do equipo de goberno: dez concelleiros, tres dedicacións exclusivas e todo para absolutamente nada. Proba do que dicimos é o que pasa no Servizo de Axuda no Fogar, que en marzo fará dous anos que ten caducado o contrato e o goberno municipal no fixo nada en todo ese tempo para actualizado”.

O portavoz popular explica: “O do SAF é un contrato que está baixo o prezo de mercado e iso afecta directamente ás traballadores. Pero hai algo moito máis grave: segundo nos fixeron saber as propias traballadoras, aínda non están vacinadas contra a covid-19. Onte preguntámoslle ao alcalde no pleno e comprobamos que non sabe absolutamente nada; preguntamos se chamara a Sanidade e a Fegamp para interesarse por que noutros concellos si están vacinadas e en Foz non, e non sabe nada. Di que mandou a lista a Fegamp, pero non sabe nada máis”.

No Partido Popular entenden que é absolutamente inaceptable que as traballadores do SAF estean aínda sen vacinar. Castiñeira declara: “É pura deixadez, é a política de mans nos petos que caracteriza ao señor Cajoto, unha persoa absolutamente desbordada, sen ningún tipo de delegacións; a de Asuntos Sociais non existe. Hai uns meses soubemos que tiña cincocentas horas do SAF sen adxudicar; actualmente está usando 4.600 horas ao mes cando ten 5.200 e iso vai en prexuízo dos usuarios, máis de 100 no concello de Foz”.

Exit mobile version