Muras, a 22 de febreiro de 2021. A voceira do Grupo Municipal do PP de Muras, Eugenia Requeijo, critica que “o goberno local de PSOE e BNG aprobe dirixir a maioría do Fondo de Compensación Ambiental ao núcleo de Muras e non ao resto das parroquias” e tamén que “propoña proxectos non prioritarios neste momento coa situación sanitaria que estamos vivindo debido á covid-19 e as consecuencias económicas e sociais que ten para os veciños de Muras”.
A voceira dos populares critica que “as propostas do equipo de goberno se centran sobre todo en Muras: na praza da Galeguidade, praza de Vilalba, parque biosaudable e área recreativa”. Eugenia Requeijo non considera prioritario dirixir 53.000 euros a “dar cor e alegría” -como defenderon dende o goberno local- en parques e xardíns de Muras porque “suporá gastos de mantemento”.
A popular non considera tampouco apropiado “nestes momentos” instalar dous puntos de recarga para vehículos eléctricos, un en Muras e outro no Viveiró cun investimento de máis de 36.000 euros; xa que “ó único vehículo 100% eléctrico que hai en Muras é o do Concello”. Na mesma liña, critica que “o goberno local plantexe facer un apiario experimental porque as abellas e o mel requiren coidados” e “non é o momento para iso porque os recursos municipais se deben dirixir principalmente a apoiar aos veciños que poidan necesitar axuda para saír desta crise”. Así mesmo, a voceira do PP local engade que “tampouco é o momento para realizar un estudo sobre a pegada do carbón no noso concello”.
Responsabilidade para xestionar “unha achega moi importante da Xunta”
Eugenia Requeijo explica, por outra banda, que “a Xunta achega a Muras unha cantidade moi importante correspondente ao canon eólico”; xa que “supera os 500.000 euros” e, polo tanto, pide ao goberno local “responsabilidade” á hora de decidir a que iniciativas dirixir eses fondos en beneficio dos veciños de Muras.
A voceira do Grupo Municipal do PP si que considera axeitados outros proxectos plantexados como é o caso “da creación de cinco postos de emprego no Concello, as traídas de agua e a rede de saneamento de aguas residuais no Viveiró, a colocación dunha caldeira de biomasa no colexio ou as actuacións contempladas para a área recreativa da Veiga”, por exemplo.
O que lamenta Eugenia Requeijo é que “coa situación sanitaria que estamos vivindo debido á covid-19 e as súas consecuencias económicas e sociais”, o goberno local non priorice a prestación de servizos aos veciños de Muras.