Foz, 24 de febreiro 2021. O Pleno da Mancomunidade de Concellos da Mariña aprobou por unanimidade onte martes en sesión plenaria solicitar unha subvención, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, para realizar un estudo da eficiencia da recollida do lixo e da implantación da recollida selectiva de residuos orgánicos.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, explicou que “un dos obxectivos principais do estudo é potenciar a xestión ou recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais, un produto que se pode revalorizar como un fertilizante moi útil, reducindo a cantidade de lixo –e por tanto a factura- que se envía á planta de tratamento de Sogama. O estudo ademais analizará unha xestión conxunta das outras fraccións de lixo para todos os concellos, dado que se estima que actuando a escala da Mancomunidade se consigan vantaxes económicas e un aumento da difusión da reciclaxe ao abarcar a unha poboación máis ampla que a propia de cada concello. Este estudo segue o camiño da liña marcada pola Mancomunidade, desde a que xa se xestiona a recollida de aceites usados e téxtiles”.
Cajoto felicítase polo ton construtivo do pleno, no que se aprobou este asunto e o resto dos temas a tratar por unanimidade.
O presidente da Mancomunidade referiuse no pleno aos Plans de Sostibilidade Turística, dos que se agarda unha nova convocatoria pola Secretaría de Estado de Turismo: “cofinanciados polo Estado, Xunta e administracións locais –como sería o caso da Mancomunidade- suporían un impulso definitivo ao sector turístico da comarca, moi tocado pola crise da covid, xa que estaríamos a falar de dotacións entre os 2 ou 3 millóns de euros en cada plan aprobado. O ano pasado aprobáronse os plans de Santiago de Compostela e da Ribeira Sacra. Volveremos a optar a estes plans en canto se convoquen e teño que agradecer ao alcalde de Xove e voceiro popular na Mancomunidade, Demetrio Salgueiro, o seu compromiso para tratar coa Xunta o apoio ao plan da Mariña.
Compañeiros socialistas e máis eu faremos o propio co goberno do Estado, xa que esta é unha aprobación conxunta de ámbalas dúas administracións. Estou moi satisfeito con esta forma de traballar, conxunta, polos intereses da comarca”.