Burela, 12 de febreiro de 2021. O Partido Popular de Burela prégalle ao alcalde que se aclare. “Se ben aplaudimos a decisión de condonar o pago das terrazas durante os seis primeiros meses do presente ano, tal e como lle pediu o noso Grupo Municipal a finais do ano pasado, non só na xunta de portavoces previa se non tamén no pleno, lembrámoslle que na proposta de alcaldía que el e o resto do grupo socialista aprobaron, ía expresamente indicado condonar o pago das terrazas tan só no segundo trimestre do presente ano”.
Dende o PP entenden que este “novo bandazo político” do rexedor tería que ser sometido novamente a pleno, pois contradí unha decisión plenaria que os socialistas aprobaron no máximo órgano colexiado do Concello de Burela, “a menos que pretendan cometer unha nova irregularidade plenaria”, puntualizan.
“Pero estas contradicións xa non son novas na formación do PSOE e, como se soe dicir, para mostra un botón”, afirman. No pleno ordinario, celebrado a principios do mes de decembro, os socialistas, con LLano á cabeza, votaron en contra da proposta do Grupo Municipal Popular (GMP) de iniciar o proxecto para a construción dunha pista polideportiva do IES Perdouro.
Neste sentido, os populares foron moi claros en dito pleno xa que mantiveron o seu compromiso de sacar para diante esta obra tan necesaria para Burela a pesares da falta de apoio tanto do PSOE como do BNG. “Días despois, o Sr. Llano saía en prensa dicindo, máis ancho que largo, que apoiaba esta obra cando había ben pouco se opuxera no pleno corporativo”, sinalan.
Nesa sesión, na que se cometeron diversas “irregularidades” por parte do rexedor á hora de introducir puntos na orde do día de forma totalmente anómala, mentiulle aos hostaleiros de Burela, e por extensión ao resto da veciñanza, xa que dixo que se lles condonara o pago das terrazas do ano 2020 cando no mesmo- O GMP aportou documentación, facilitada por numerosos hostaleiros, que dicía exactamente o contrario, concretamente demostraba que, cando menos gran parte dos hostaleiros con terraza de Burela, tiveran que pagar a taxa correspondente durante todo o ano pasado.
“É por cuestións coma estas, polo que o GMP se fía ben pouco das declaracións públicas do Sr. Llano. Seguindo coas rectificacións do alcalde, por fin lle fai caso aos hostaleiros, no referente á non liquidación da taxa de lixo e auga, algo que, por outra banda, o GMP lle leva pedindo dende abril do pasado ano. A escusa ata o momento sempre foi que non se podía facer porque a lei non o permitía cando, dende o GMP, lle insistíamos que esa mesma lei que el dicía que non o permitía facer en Burela si o estaba a permitir noutras localidades próximas, algo que tiraba por terra os postulados do Sr. Llano. Neste sentido, antóllasenos ben pouco tan só catro meses pero, como se soe dicir, menos da unha pedra”, conclúen.