Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021. A Comisión de Xustiza do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que acondicione no Xulgado de Viveiro un espazo “propio e digno” como sala de agarda para as mulleres vítimas de violencia de xénero. A parlamentaria socialista Patricia Otero presentou esta iniciativa, na que denunciou un retraso de cinco anos dende que o Concello lle ofreceu o espazo ao goberno galego.
Otero lamentou que o goberno galego agardara dende 2015 “ata onte” para dispoñer deste espazo fundamental para manter a seguridade e a dignidade das vítimas, obrigadas en moitas ocasións a cruzarse cos seus maltratadores ao impoñer as denuncias. Sinalou que fora precisamente na véspera de levar esta iniciativa á Cámara cando o goberno galego dera a orde de acondicionar a sala “tarde, mal e arrastro”.
Ata entón, dixo, “o Xulgado da Muller de Viveiro carecía dun espazo digno para dar comodidade e anonimato ás mulleres maltratadas”, aseverou a responsable socialista, logo dos “múltiples anuncios” do goberno galego.
A parlamentaria da Mariña lembrou que o propio conselleiro de Vicepresidencia lle respondera ao Grupo Socialista en Pleno do Parlamento xa en abril de 2019 que a sala de agarda estaría lista naquel ano. Afeoulle ao PP que recorrera hoxe á escusa da pandemia para xustificar o retraso, unha pandemia que “ou eran moi visionarios ou non lembran que daquela non comezara”.
Sinalou que o Concello puxo a disposición da Xunta o espazo dende o primeiro momento, para mellorar o “zulo” do que dispoñían e evitar así a súa “exposición pública nos corredores dos xulgados” e “que se poidan cruzar cos seus agresores”.
En resposta á intervención do PP, Patricia Otero reclamoulle ao goberno galego que comprometan espazos dignos para as vítimas nos xulgados específicos de Violencia de Xénero, e preguntoulles se “están seguros por exemplo de que no Xulgado de Pontevedra contan cunha sala propia”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que á maior brevidade, habilite no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro un espazo propio e digno como sala de agarda para as mulleres que comparecen nel”.