A responsable socialista criticou a “inacción da Xunta” con respecto ao sector, xa que “anunciaron un plan de recuperación en 2019, estamos en 2021 e nada se sabe”, cando “se era necesario dende hai moito tempo, máis agora se cabe, nas circunstancias que está atravesando o sector”.
“O sector da pesca, que non é alleo ao resto de sectores produtivos e económicos, está a sufrir fortemente as consecuencias económicas desta pandemia, e especialmente as derivadas dos distintos peches e limitacións que está a vivir a hostalería”, aseverou a socialista.
Así, sinalou que os datos de facturación do sector “caeron drasticamente en 2020” cando “o rexistro de embarcacións pesqueiras non parou de reducirse cada ano dende que chegou o PP ao goberno”, de feito, “en tan só 20 días”, dende que o Grupo Socialista presentou esta iniciativa ata hoxe, que se debateu no Parlamento, “hai 7 buques menos en Galicia”.
“A perda de buques é igual á perda de postos de traballo, no mar e en terra”, sentenciou Otero, quen pediu pór freo a esta situación “tomando medidas”, tal e como está a pedir o sector que urxe “apoio económico e financeiro”.
URXE “COORDINACIÓN INTERADMINISTRATIVA” PARA PROTEXER A COSTA GALEGA
Doutra banda, Otero tamén levou á Comisión de Pesca unha pregunta para instar ao goberno galego a “fortalecer a rede de espazos mariños protexidos”, xa que en Galicia dispoñemos de “espazos únicos cunha enorme biodiversidade” que están expostos a “certas ameazas que é necesario mitigar”.
Neste senso, criticou que “a Xunta non fai unha aposta decidida por protexer a costa galega”, xa que “carece de verdadeiros plans de xestión que adoitan quedar en papel mollado”. Así, a responsable socialista subliñou a necesidade de “buscar un equilibrio” que “teña en conta os aspectos biolóxicos, pero tamén os económicos e sociais”, xa que “a pesca en Galicia é unha fonte importante de postos de traballo”.
“O kit da cuestión é conciliar a protección ambiental coas actividades humanas, especialmente coa actividade pesqueira”, incidiu a socialista, quen pediu ao goberno galego “coordinación interadministrativa” entre gobernos para acadar os obxectivos.
A responsable socialista levou esta cuestión ao Parlamento, logo de que o goberno de España reafirmase “o seu compromiso de acadar o 30% de áreas mariñas protexidas no ano 2030” e cando “en tan só uns anos, España pasou de protexer menos do 1% da superficie mariña a máis do 12% actual”. Así, Otero subliñou “o valor do interese estratéxico da conservación mariña nun marco de recuperación verde” que “ofrece grandes oportunidades” para o sector.
TEXTO APROBADO HOXE NO PARLAMENTO:
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia:
(1) a desenvolver un plan de recuperación específico para a pesca artesanal e o marisqueo dirixido aos armadores artesanais, aos seus tripulantes, mariscadoras a pé, percebeiros, etc, que amosen interese en continuar coa súa actividade extractiva e axuden ao non desmantelar a cultura mariñeira, ao mantemento das comunidades costeiras coa súa forma de vida dependente da pesca e do marisqueo.
(2) a seguir desenvolvendo o Plan AVANTEMAR de apoio ao sector marítimo-pesqueiro para axudar a soster a actividade deste sector durante a pandemia.