“A Consellería de Xustiza funciona a golpe de nota de prensa, xa que o anuncio de que a sala está lista chega despois das queixas da semana pasada dos traballadores dos xulgados, que lamentaban que o espazo contaba unicamente con dúas cadeiras”, explica a alcaldesa de Viveiro, Maria Loureiro.
O persoal do xulgado e a Mesa Local contra Violencia de Xénero levaba máis de dous anos demandando que se habilitase un espazo digno para as vítimas, no que poidan permanecer mentres se realizan as tramitacións, entendendo que é primordial ofrecerlles un espazo en boas condicións no que poidan sentirse cómodas e protexidas.
“Agradecemos o traballo e o esforzo constante do persoal do xulgado á hora de reivindicar as súas necesidades; é triste ter que recorrer a estes medios de presión e ás notas de prensa e que adecuar unha sala para unha muller que sufre violencia de xénero poida agardar cómoda e dignamente non forme parte das políticas da Xunta de Galicia”, engade o grupo de goberno.
“Xa hai moito tempo que o concello puxo á disposición da Xunta novos locais no xulgado para atender as demandas dos traballadores, cando indicaban que había pouco espazo e era necesario habilitar unha sala especial para atender as mulleres vítimas de violencia de xénero”, remata.