Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro publica o decreto municipal coas medidas para adaptar os seus servizos ás novas medidas Covid-19 da Xunta

Viveiro, 26 de febreiro de 2021. O Concello de Viveiro vén de decretar as medidas necesarias para adaptar os servizos municipais ao establecido na Orde e Decreto publicados pola Xunta de Galicia no día de onte, acordando en virtude dos mesmos:

– Manter a apertura ao público da biblioteca municipal cun aforo do 30% da capacidade máxima permitida.

– Manter a apertura ao público do Teatro Pastor Díaz, cun aforo do 30% da capacidade máxima permitida.

– Manter a apertura ao público da Oficina de Turismo.

– Manter a apertura das instalacións deportivas municipais (campos de fútbol e pavillóns e instalacións do club de tiro), para a práctica do deporte federado de ámbito nacional e autonómico, adestramentos e competicións.

– Acordar a apertura da piscina municipal con efectos do 26 de febreiro, cunha ocupación máxima do 30%.

– Manter o peche dos centros socioculturais e locais sociais municipais.

– Acordar a apertura das actividades institucionais, académicas ou profesionais en instalacións municipais, mantendo a suspensión do resto de actividades que estivese previsto levar a cabo en instalacions municipais.

– Manter o peche dos baños públicos e dos parques infantís municipais, que se irán abrindo de forma progresiva, atendendo á evolución. A previsión é que os parques infantís municipais se abran a vindeira semana, polo que xa se facilitará a data concreta.

– Manter as clases presenciais do Conservatorio Profesional de Música.

– Manter o servizo da escola infantil municipal.

Infórmase, tamén, que en virtude da orde e decreto referidos queda permitida a entrada e saída do Concello de Viveiro para desprazamentos entre municipios que se encontren no mesmo nivel.

Por outra banda, con respecto a hostelería e restauración, infórmase que se permite a súa apertura ao público ata as 18:00 horas; poderán prestar servizos de recollida no local ata as 21:30 horas e poderán realizar o servizo de entrada a domicilio ata as 24.00 horas. O aforo na terraza limítase ao 50% e no interior, ao 30%, non podendo prestarse servizo na barra.

Finalmente, lémbrase que se mantén o toque de queda e que os grupos de non conviventes se limita a catro persoas.

Unha vez máis, dende o goberno municipal pídese aos veciños e veciñas de Viveiro a máxima prudencia e o estrito cumprimento das medidas establecidas. A día de hoxe hai no noso municipio un total de 10 casos activos, polo que a situación é boa, pero é fundamental non baixar a garda para non volver a empeorar.

Exit mobile version