Viveiro, 25 de febreiro de 2021. O Concello de Viveiro, a través da concellería de Muller, presenta o programa de actividades con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. O goberno local propón diferentes actividades, dirixidas a todas as idades, para reivindicar a igualdade entre mulleres e homes.
Dado que o contexto sanitario actual non permite as concentracións multitudinarias, dende o Concello de Viveiro faise un chamamento á participación da cidadanía nas alternativas propostas para este 8M.
“A loita pola igualdade é para nós unha prioridade de goberno; neste concello traballamos cada día para acadar unha sociedade na que a igualdade real sexa unha normalidade, un concello inclusivo e respectuoso en materia de xénero”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
“Invitamos a que nosa voz non se silencie, porque hoxe máis que nunca temos que estar unidas na loita pola igualdade entre homes e mulleres. Temos que saír á rúa aínda que sexa individualmente para deixarnos ver, vestindo de violeta ou colgando dos balcóns símbolos que indiquen o labor das mulleres na sociedade”, subliña pola sua parte Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Muller.
O programa para o vindeiro luns 8 de marzo incluirá a lectura colectiva dun manifesto, aberta a todas as mulleres e homes que desexen participar. Para formar parte deste manifesto, formado por vídeos nos que cada participante lerá unha frase, as persoas interesadas deben poñerse en contacto co Concello no número 676 877 799.
Ademais, tamén está prevista unha interpretación especial da man de actriz Estíbaliz Veiga, que se poderá seguir a través das redes sociais do Concello de Viveiro.
Doutra banda, o goberno local tamén impulsará unha actividade de formación que consistirá nun curso de autoestima para mulleres inmigrantes. A iniciativa comenzará o vindeiro día 8 e continuará durante os días 15, 22 e 29 de marzo na aula UNED en horario de 10:00 a 12:00. A actividade formativa será presencial e seguiranse todas as medidas sanitarias pertinentes.
Por último, o Concello de Viveiro organiza varios concursos con motivo do Día da Muller. Así, está prevista a celebración de dous concursos coa temática “Traballos e Mulleres”, un de fotografía amateur e outro de debuxo infantil. Ademais, celebrarase o concurso audiovisual “Reelsmenteiguais” dirixido ao alumnado dos centros educativos do Concello de Viveiro.
Ao longo do ano, no marco da campaña “Igual a Igual”, o Concello de Viveiro promoverá outro tipo de actividades que fomenten a igualdade cando o contexto sanitario permita a súa celebración.