Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo exime aos locais hostaleiros das taxas de recollida do lixo, subministro de auga e saneamento desde o pasado 26 de xaneiro e ata o momento no que se produza o levantamento do peche

 Ribadeo, 10 de febreiro de 2021. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, anunciou esta mañá que o Concello aprobou un decreto polo que se exime aos locais hostaleiros e de restauración das taxas de recollida do lixo, de subministro de auga e saneamento desde o pasado 26 de xaneiro e ata o momento no que se produza o levantamento das suspensións de actividade impostas polas administracións competentes. O edil subliñou que “esta medida súmase á decisión do Concello, comunicada hai tempo e recollida no orzamento municipal, de non cobrar a taxa de ocupación por terrazas durante todo o ano 2021”.

Vizoso Galdo dixo que “dende o Concello de Ribadeo seguimos desenvolvendo medidas de reactivación socioeconómica e para paliar os efectos da crise da Covid-19. Así, a consecuencia da orde da Xunta de Galicia publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro sobre as medidas de prevención contra a Covid-19, que afectan dunha forma especial e directa co peche dos establecementos de hostalaría e restauración, dende o Concello de Ribadeo aprobouse onte un decreto polo que se exime aos titulares destas actividades das taxas de recollida de lixo, de subministro de auga e tamén do saneamento dende o 26 de xaneiro e ata o momento no que se produza o levantamento das suspensións de actividade impostas polas administración competentes”.

O concelleiro de Economía explicou que “para isto, os titulares deberán de presentar unha solicitude previa neste sentido e acompañala da declaración censal ou certificado do IAE da anualidade 2021 e dunha declaración responsable conforme o local estivo pechado durante o período que resulte afectado. Do mesmo xeito, tamén se establece que para o caso de que estas solicitudes se presenten despois de xa ter pagada a taxa correspondente ao período de pago actual, por parte do Concello procederase á devolución do importe correspondente por esta causa e unha vez presentada polo titular a documentación indicada”.

Pablo Vizoso indicou que “esta medida súmase á decisión do Concello, xa comunicada hai tempo e así recollida nos orzamentos municipais, de non cobrar pola taxa de ocupación por terrazas durante todo o exercicio 2021. Tamén neste ámbito o pasado 28 de xaneiro aprobouse outro decreto por parte do Concello tendo en conta a necesidade de adaptar as condicións de ocupación de zonas públicas para uso de terrazas de hostalaría e en base aos informes e criterios técnicos da oficina técnica do ARI do Concello. Entre outras cousas recóllese a suspensión da ordenanza e da taxa de terrazas, e regúlanse aspectos como a superficie de ocupación, un novo período de adaptación do mobiliario das terrazas de dous anos debido á situación excepcional actual, as modalidades de ocupación con posibilidade de calefactar o espazo con estufas ou solucións similares non fixas, ou manter a posibilidade de terrazas en prazas de aparcamento público establecendo as condicións da tarima e dos demais elementos que deben de conformar a terraza. Como é lóxico, estas medidas quedan condicionadas ás normas e ordes establecidas polas autoridades competentes en cada momento”.

Exit mobile version