Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo aposta por crear un espazo polivalente para desenvolver actividades e accións dinamizadoras nun local da súa propiedade, situado na Avenida de Asturias

Ribadeo, 17 de febreiro de 2021. O Concello presentou ante a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo o expediente para a reforma dun local de titularidade municipal na Avenida de Asturias, tras a convocatoria de subvencións por parte da Xunta destinadas á mellora de instalacións e equipamentos de servizos municipais. O investimento ascenderá a 50.000 euros. Pablo Vizoso, concelleiro de Desenvolvemento Local, subliña que se trata da creación dun espazo polivalente aglutinador no que se poidan desenvolver diferentes tipos de actividades e accións dinamizadoras.
O edil nacionalista contou que “o Concello de Ribadeo ven de presentar formalmente ante a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo o expediente para reforma dun local na Avenida de Asturias tras a convocatoria de subvencións por parte da Xunta de Galicia para a mellora de instalacións e equipamentos de servizos municipais”.
Vizoso Galdo dixo que “dende o Concello observamos a necesidade de crear un espazo polivalente que sexa aglutinador de diferentes tipos de actividades e accións dinamizadoras que cumpra os requisitos de estar situado no centro da vila, que poida dar resposta ás necesidades da cidadanía e de colectivos específicos, e que permita desenvolver actividades nos eidos da participación cidadá, da dixitalización, da igualdade de oportunidades, da promoción económica ou da cultura, entre outros”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo sinalou que “con este proxecto, o Concello de Ribadeo, quere dispoñer dun espazo físico para a cidadanía, un espazo polivalente no local, que xa é propiedade do Concello na Avenida de Asturias que se converta e consiga dar resposta ás necesidades nos ámbitos da formación dixital, por exemplo, e tamén na participación cidadá ou asociativa. Neste local, que estaría dotado de equipamento avanzado e adaptado ás necesidades actuais, poderíamos promover un espazo para a veciñanza e tamén das empresas e autónomos xa que se podería ceder para a celebración de encontros, reunións, cursos, conferencias. Permitiría desenvolver actividades culturais, de promoción da igualdade, que fomenten a integración interxeracional, ser unha sala de encontro, actividades de fin de semana”.
Pablo Vizoso engadiu que “a valoración económica do proxecto achégase practicamente aos 50.000 euros. Para poder facelo, contemplamos nos orzamentos deste ano unha partida con este fin e poder iniciar as obras. Agardamos que a Xunta de Galicia atenda a nosa petición, a través da participación nesta convocatoria de axudas, e nos próximos meses poidamos poñen en marcha este proxecto tan importante en diferentes ámbitos”.

Exit mobile version