O edil nacionalista, contou que “o concello de Ribadeo conta con case 430 quilómetros de camiños de titularidade municipal, dos cales 298 serven de comunicación a núcleos de poboación e de servizos ás fincas de explotación agrícola, e 132 son pistas forestais”.
Mundiña sinalou que “o mantemento desta ampla rede de camiños rurais do concello representa un grande problema para os operarios municipais que, actuando permanentemente cos medios mecánicos dos que dispoñen para labores de desbroce e limpeza de cunetas (dous tractores e unha retroescavadora), non conseguen mantelos ao longo de todo o ano nun estado de todo satisfactorio”.
O concelleiro de Medio Rural subliñou que “para tratar de resolver este problema o concello, a proposta da Concellaría de Medio Rural, ven de adquirir unha novidosa máquina de fabricación inglesa para limpar cunetas, que está sendo probada satisfactoriamente en camiños rurais do concello. Trátase dun cabezal que se acopla ao brazo dos tractores e que vai removendo e recollendo a terra acumulada no fondo da cuneta para deixala espallada pola marxe do camiño, co que esta queda en condicións de facilitar a circulación da auga”.
Jesús Mundiña engadiu que “esta máquina permite facer unha labor de mantemento e conservación das cunetas dos camiños de forma moito mai áxil que a retroescavadora que se ven utilizando para esta labor, e que a partir de agora seguirase utilizando, pero soamente nos casos nos que se teñan que retirar grandes cantidades de materiais depositados nas cunetas”.