Muras, 22 de febreiro, 2021. O goberno local sacou igualmente adiante co voto da maioría da corporación municipal, os proxectos para desenvolver este ano coa axuda provinte do fondo de compensación ambiental. Este ano seguirase contando cunha brigada de peóns para as tarefas de limpeza e desbroce no concello, así cun técnico de medioambiente, favorecendo o mantemento do emprego local. O resto de actuacións aprobadas son as seguintes:
A habilitación de dous puntos de recarga de vehículos eléctricos, (36.183,84€)
A ampliación das redes de abastecemento de A Xestosa e O Viveiró e outras melloras na traída municipal no concello de muras (87.205,24€)
A substitución do sistema de calefacción do colexio público, pola instalación dunha caldeira, que emprega biomasa densificada como combustible. Completaría a actuación a disposición dun depósito de inercia de 3.000 litros (65.113,90€)
A Construción dunha rede de colectores de saneamento para augas fecais (rede separativa) no núcleo de A Igrexa e a Instalación dunha nova EDAR (113.615,19 €)
A mellora e posta en valor das zonas verdes no concello de Muras, Parque de Vilalba, Zona verde Centro de Saúde, Parque Biosaudable, Area recreativa de A Veiga e Praza da Galeguidade (53.287,30 €)
A substitución do alumeado publico no paseo fluvial de A Veiga con tecnoloxía LED (7.415,50 €)
Melloras da eficiencia enerxética na casa consistorial: Renovación integral do revestimento de lousa da cuberta e varias obras (90.333,37 €)
Actuacións varias para a protección do ambiente e do espazo natural, tales como a adquisición de equipamento para a recollida e traslado de residuos (contedores), como a adquisición dun Apiario experimental para a ensinanza e investigación sobre a apicultura e a bioloxía das abellas, así como o encargo dun estudo da “pegada de carbono” do municipio, que permita cuantificar as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) emitidos á atmosfera e desenvolver un plan de mellora que contribúa á redución das emisións no futuro, entre outros (26.505,24 €)
As actuacións que conforman o proxecto “Fondo Compensación Ambiental Muras 2021”, suman un total que ascende á cantidade de cincocentos catro mil setecentos sesenta e seis euros con tres céntimos de euro (504.766,03 euros).
O goberno local manifestou que “É inaudito que o Partido Popular votara en contra de todos estes proxectos sen dar nin a mínima explicación no pleno de onte, o que nos parece unha auténtica irresponsabilidade ”. O alcalde engadiu que “Isto nunca antes pasara no concello, que un grupo municipal votara en contra de obras de progreso e que benefician no seu conxunto a toda a poboación. Creemos que a portavoz popular se equivoca adoptando estas posturas radicais”. Por último engadiron que “ultimamente son o partido do NON, votan todo en contra. Están no seu dereito de facelo, pero terán que explicarllo aos veciños de Muras”.