O Concello iniciou determinadas accións coa finalidade de contribuír a paliar os danos que sufriron estes sectores e evitar o peche da actividade dos negocios ubicados no termo municipal de Mondoñedo como consecuencia do cumprimento das medidas preventivas establecidas pola lexislación vixente en materia da covid-19. Pon así en práctica o compromiso adquirido en canto á aplicación de medidas para axudar aos sectores produtivos a afrontar a crise económica derivada da pandemia.
Dende o goberno local manifestan: “Pretendemos axudar aos negocios que tiveron que investir en obras ou afrontar outros gastos como consecuencia da adopción de medidas establecidas pola normativa sanitaria en materia da covid-19 como pode ser o gasto en material de protección”. Este plan pretende “protexer aos negocios que ven máis afectada a súa actividade económica polo cumprimento da normativa sanitaria” e con ese obxectivo, o Concello trata de axilizar os trámites para que “as axudas cheguen canto antes ao tecido económico local”.
Programa de subvencións a pemes e autónomos co acordo de todos
Este programa de subvencións a pemes e autónomos para contribuír ao financiamento de gastos vencellados á adopción de medidas preventivas derivadas da alerta sanitaria da covid-19 foi elaborado atendendo aos acordos da mesa de traballo integrada polos distintos grupos da corporación municipal e os representantes da Aciam.
O Concello pretende atender a totalidade das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos regulados nas súas bases. Entre eles establecen que as pemes e autónomos deben ter domicilio social e centro de traballo ubicado no termo municipal de Mondoñedo; desenvolver unha actividade que non teña a condición de actividade esencial; ver reducido o seu horario de apertura ao público e reducido o seu aforo máximo a lo menos durante tres meses; cumprir coas súas obrigas fiscais e manter a prestación da actividade e, no seu caso, o centro de traballo, a lo menos, durante a totalidade do ano 2021.
Subvencionarase a adquisición de hidroxeles, cun importe máximo subvencionable de 300 euros por beneficiario; non obstante, dita contía elevarase a 500 euros para as actividades que tiveron que pechar como consecuencia das medidas adoptadas na orde publicada no DOG do 26 de xaneiro de 2021. Tamén será subvencionable a adquisición ou arrendamento de mamparas e demais investimentos para conseguir o distanciamento social. Non será subvencionable a instalación de carpas ou toldos.
O importe da subvención acadará ata o 80% da base impoñible do investimento acreditado, sen que a subvención poida exceder de 3.000 euros por beneficiario. As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica do Concello de Mondoñedo ata o 28 de febreiro.
Exención das taxas da auga e do lixo e supresión da taxa de terrazas
Ademais do programa de axudas directas, o Concello adoptará outras medidas complementarias no eido tributario e dentro do estreito marxe normativo do que dispón o Concello, tales coma a suspensión da obriga de contribuír por determinados servizos.
Deste xeito, no pleno municipal deste venres abordarase a exención extraordinaria para o primeiro bimestre do 2021 de varias taxas -prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo, abastecemento domiciliario de auga potable e evacuación de augas residuais- aos titulares de locais afectados polo peche de actividades previsto na orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 16-Bis. Martes, 26 de xaneiro de 2021). O Concello non pasará entón o cobro do primeiro bimestre de auga e lixo que se cobraría agora a mediados de febreiro.
A proposta recolle a suspensión da vixencia da taxa pola ocupación do dominio público para a colocación de terrazas na vía pública durante o ano 2021. Xa foi eliminada a taxa das terrazas no 2020 e vólvese facer para o 2021.