O goberno local explica que “o artigo 26 do regulamento de policía sanitaria mortuoria establece como instalacións mínimas dos novos cemiterios a existencia dun forno incinerador” do que ata agora carecía o cemiterio municipal mindoniense. Polo tanto, “atendendo á dispoñibilidade do local que, ata o momento, se atopa sen uso; así coma á súa aptitude urbanística e integración no propio cemiterio municipal, estimamos conveniente abrir a posibilidade de que a iniciativa privada utilice este local para prestar o servizo aos veciños” que, a día de hoxe, tiñan que desprazarse a outros municipios para acceder a este servizo.
A concesión foi outorgada por unha duración de 25 anos ante a necesidade de armonizar os prazos de amortización contable do investimento coa vantaxe que implican prazos curtos de concesión para avaliar o desenvolvemento actualmente imprevisible desta tecnoloxía.
Trala súa aprobación no pleno da corporación, iniciarase expediente de licitación. Así mesmo, dende o goberno local avanzan que “a sala de autopsias será adecentada”.
Condicións da concesión
O Concello de Mondoñedo fixa un canon mínimo anual de 1.200 euros atendendo, por unha banda, á superficie e características do local de 41m2 e, por outra, á conveniencia municipal de complementar os servizos existentes.
Entre os deberes da empresa concesionaria atópanse o de aboar o canon anual ao Concello; subministrar, instalar e manter os medios e instalación; contratar e abonar os subministros necesarios para a prestación do servizo; así coma manter o espazo e o seu entorno en perfectas condicións de seguridade, salubridade e ornato; ademais de cumprir coa normativa vixente.
A concesionaria deberá establecer unha bonificación aos veciños empadroadas no termo municipal de Mondoñedo do 10% sobre o prezo establecido para os servizos ofertados.