O alcalde, Fran Cajoto, explica: “o Partido Popular de Foz xa saíu en tromba a escusarse, querendo botar terra sobre un asunto que a min paréceme ben escuro. Segundo o seu portavoz a mala xestión durante os seus 8 anos de goberno en todo o relacionado co contrato da auga e a actualización das tarifas é culpa da oposición. Absolutamente incrible, oito anos nos que o único que se fixo foi prexudicar os intereses do Concello de Foz”.
O actual rexedor municipal remóntase ao pleno do mes de marzo de 2014 e lembra que “hai case 7 anos o anterior alcalde, Javier Jorge Castiñeira, colou -vía urxencia na Comisión de Asuntos Preparatorios de pleno e posteriormente no plenario de marzo do 2014- un informe dun perito contratado por el mesmo na súa calidade de alcalde. Sen informe dos servizos xurídicos presentou a fórmula aos distintos grupos como unha aclaración que había que realizar para actualizar as tarifas. Na realidade esa aprobación plenaria veu facer oficial unha fórmula de actualización de tarifas que non estaba incluída nos pregos de licitación, soamente na oferta de Gestagua, e por tanto non era válida ata ese momento”.
Fran Cajoto engade que “o xuízo no que o Concello de Foz se enfrontou á concesionaria parece unha cortina de fume. O ex alcalde previamente aproba en pleno unha fórmula e logo litiga contra a concesionaria a utilización desa mesma fórmula. Absolutamente incoherente e así o reflicte o xuíz: definitivamente, a defensa do Concello quedou absolutamente vendida. Afirma o xuíz: da la sensación de que en la contestación a la demanda se quiere plasmar una postura de oposición a los planteamientos de la actora , cuando verdaderamento no la hay, puesto que el pleno de la corporación ha aprobado lo que ha aprobado y no es otra cosa que debe atenderse a las conclusiones del informe externo contratado. En definitiva, o punto que o señor Javier Jorge Castiñeira levou de urxencia a pleno en marzo de 2014 provocou que Foz tivese que pagar á concesionaria 1,3 millóns en 2016 e agora algo máis de 1,1 millóns de euros en 2021. Non sabemos da motivación do ex alcalde para actuar así, pero si sabemos das consecuencias: absolutamente nefastas. A mala xestión ten as súas consecuencias, que pagamos todos”.
Ademais o alcalde informa que o Concello “continúa a traballar na licitación dun novo contrato de abastecemento e xestión de augas residuais. Tivemos que facer traballos previos como implantar a licitación electrónica, que non existía en Foz. Aínda que a falta de estabilidade no cargo de Secretaría nos está a causar atrasos trabállase no prego e nunha tarifa que prime a redución do consumo dos fogares e as condicións socioeconómicas dos mesmos: debemos ser respectuosos cun recurso que é escaso. Tamén se traballa para incluír a xestión da nova EDAR de Foz cando entre en funcionamento, da que levamos en trámites desde 2015 e aínda sen ningún documento aprobado. Esperamos de verdade que Augas de Galicia faga os seus deberes e todos os grupos políticos pelexen por ela. Debemos ser serios e non pedir informes en pleno que xa existen, é inaudito: estamos perdendo tempo de traballo e a depuradora sen un ladrillo posto”.