Foz, 27 de febreiro de 2021. O Concello de Foz instalou, a petición do persoal de enfermería do Centro de Saúde, unha carpa na entrada das instalacións para as probas serolóxicas e as PCR do Covid-19.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “os protocolos establecen que as probas se realicen sen que o paciente baixe do vehículo particular e isto provocaba que ata o de agora se tivesen que realizar sen ningún tipo de cuberta, independentemente das condicións meteorolóxicas. Unhas condicións moi malas para pacientes e enfermeiras, que tiñan dificultades para realizalas nos días de choiva. Por este motivo dispúxose unha carpa que permite unha protección fronte ao tempo e tamén maior privacidade”.
O rexedor municipal engade: “agradecemos enormemente o gran esforzo que está a facer o persoal sanitario, despois dun ano de combate contra a pandemia. Afortunadamente entramos nun período distinto e moito máis satisfactorio, o da vacinación, que agardamos que se complete canto antes”.