O rexedor declarou que “estivemos comentando todo o relativo á situación sanitaria actual en Burela. Imos descendendo moi lentamente os casos, temos 23 ou 24 nos acumulados, aínda que a sete días temos 8 nada máis, o que quere dicir que se están facendo as cousas bastante ben, pero a lentitude a veces é desesperante. Tamén comentamos a repercusión que ten esta situación na actividade socioeconómica. É certo que é moi preocupante. Agora están parados e xa o estiveron tamén nos meses de novembro e xuño. O comercio tamén está moi limitado polo peche perimetral e polo horario. Consideramos que entre todos debe haber colaboración, axudas e entendemento para loitar dunha maneira efectiva e solidaria para acadar o máximo rendemento dentro dun equilibrio que debe existir entre a garantía sanitaria e a actividade socioeconómica”.
O alcalde burelés dixo que “o Concello, dentro das súas limitacións e dentro do que pode facer, imos procurar estar con todos os autónomos, para tratar de minimizar un pouco as perdas pola falta de actividade. Con eles acordamos non pasar os recibos do lixo e da auga dos meses de novembro e decembro do ano pasado máis de xaneiro e febreiro deste ano á hostalería. Tampouco imos pasar as taxas das terrazas durante seis meses, iremos vendo como vai avanzado, esperemos que vaia ben e que se recupere a normalidade que sexa posible e o sector a partir de xuño”.
Alfredo LLano engadiu que “imos facer programas culturais, deportivos e eventos para tentar traer xente a Burela. É certo que acabamos de anunciar que a Feira Expomar non se vai celebrar no mes de maio, pero trataremos de facer outras actividades que sexan motivadoras para atraer xente a Burela, para que haxa movemento e actividade diversa tanto no ámbito cultural, como deportivo e outros. Procuraremos axudar tamén á hostalería para a promoción. Máis adiante miraremos algún tipo de subvención para aplicar ao comercio e aos autónomos que o soliciten. Non marcamos ningunha cifra porque non se pode ata facer a liquidación dos orzamentos do ano pasado. Volveremos xuntarnos durante o mes de marzo e xa iremos vendo o tipo de relación que sexa favorable e axudar desde o Concello con todas as formas que poidamos ter, que a veces son limitadas. Pero estaremos aí en conxunto e tratando de levar as cousas da mellor maneira posible”.
O rexedor salientou que “hai que dicir que en Burela se está traballando ben e hai corresponsabilidade. O definitivo sería acabar dunha vez coa pandemia e que as vacinas se distribúan o antes posible e a todos os colectivos, en principio aos que teñan máis risco, pero seguir con toda a poboación, porque senón vai ser moi difícil ter unha garantía sanitaria. Queremos que se apuren as vacinas, con todo o rigor, pero o antes posible”.
E engadiu: “penso que onte tivemos unha conversa cordial de colaboración e iso é o que debe primar no noso concello para acadar un fin que sexa útil para todos”.