O alcalde burelés, Alfredo LLano, explicou que “no pleno de onte aprobouse o Plan Único para efectualo durante este ano. O seu importe é de 385.518 euros, dos que a Deputación aporta 376.000 e o resto o Concello de Burela. Vaise empregar en diversas actuacións e a máis importante é o programa de investimentos que absorbe 138.000 euros. Imos facer basicamente tres obras que creo que son fundamentais. Unha delas é a rehabilitación de firme e mellora da rúa Camiño Real, onde imos non soamente asfaltar e pintar senón que tamén imos aproveitar para modificar unha serie de canalizacións que xa están obsoletas e facer a separación de augas pluviais e residuais, polo tanto vai ser unha obra completa. Tamén imos facer a reconstrución de diferentes beirarrúas, sobre todo en Nosa Señora do Carme pero ademais noutras que están previstas. E por outra banda imos colocar un parque infantil novo na praia da Marosa porque consideramos que iso vai atraer xente, sobre todo á veciñanza de Burela, para desfrutar cos rapaces desas instalacións”.
O rexedor engadiu que “se sigue mantendo o programa de axuda no fogar, que contará de 40.000 euros a través do Plan Único. No programa de fomento do emprego, este ano, hai unha variación porque imos empregar a once persoas cando o ano pasado empregamos a dez. Vai haber dous socorristas que van estar non dous meses, como estiveron o ano pasado, senón tres meses porque consideramos que é fundamental que abarquen ese espazo de tempo, que antes se viña facendo cando a Xunta colaboraba ao cen por cen cos Concellos, pero agora reduciron ese período a dous meses. Nosoutros entendemos que teñen que estar ben atendidos estes servizos e por iso aumentamos a tres meses os dous socorristas. Tamén vai un auxiliar administrativo, un técnico de turismo, dous conserxes, un peón de obras, un oficial de obras, un dinamizador de redes sociais e dous monitores de tempo libre, que teñen moita demanda no verán e esperamos que este ano se poidan realizar actividades sen ningún problema. En total serían once postos de traballo e iso é o que queremos facer. A empregabilidade é algo que nos preocupa e desde o Concello, a través deste Plan Único e outros plans de cooperación, imos intentar que a empregabilidade se note e se poida empregar a moita xente que hai agora mesmo está desempregada”.
Llano seguiu a relatar que “o programa de actividades culturais este ano recolle a sexta Feira do Libro, o Certame Internacional de Pintura Amarte e un certame que queremos facer este ano como novidade de vídeoclips musicais porque queremos desta maneira promocionar a nosa Escola de Música e motivar aos rapaces para que estuden música. No programa de actividades deportivas están, entre outras, a carreira popular Burela Bonita, o torneo de fútbol sala Héroes de Orzán, a ver se este ano podemos efectualo porque é moi importante tanto para o deporte base como para mover unha gran cantidade de rapaces e rapazas de todo o estado e incluso de Portugal, o ano pasado ían vir sobre setecentos rapaces e a ver se este ano podemos conseguilo para finais do mes de xuño. Tamén está o sexto torneo da Marosa Cup, que a ver se podemos celebralo este ano, xa que o pasado non se puido facer nada disto. O programa de actividades turísticas vai concentrado nas rutas xeolóxicas que están dando moi bo resultado. A administración electrónica tamén recibe 11.300 euros deste Plan Único, Protección Civil leva 1.500 e hai unha achega directa para problemas derivados do covid que este ano terá preto dos 69.000 euros. Unha vez aprobado este Plan Único, agora xa se pode empezar a mover tanto o tema da empregabilidade como o resto que están planificados”.
O alcalde dixo que “outro punto que levamos na orde do día foi o relativo a atender as alegacións que se presentaron ao inventario municipal. Houbo trece alegacións das que se desestimaron sete porque carecían de documentación que xustificaran o que se solicitaba. Estas sete desestimadas van ter un mes, unha vez que sexan publicadas, para presentar a documentación”.
E engadiu: “tamén levamos unha moción, a iniciativa do Partido Socialista, para solicitar á Xunta de Galicia máis achegas para o Servizo de Axuda no Fogar. Hai que ter en conta que, derivado do covid, todos os Concellos tivemos que incrementar moitísimo a capacidade para poder facer fronte á problemática que ven derivada de aí. Durante a pandemia o incremento de usuarios do SAF foi incrible. Solicitamos á Xunta un incremento das achegas para que se adapten aos salarios actuais e que faga fronte aos copagos que viña facendo a xente”.