Santiago de Compostela, 23 de febreiro, 2021. A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira recalcou a oposición do BNG á reforma da lei de saúde do PP porque “non reforza o sistema sanitario e enfoca a saúde pública como un problema de orde pública”. A lei, dixo, pretende “tratar aos galegos como sospeitosos habituais”.
Para a nacionalista,a reforma é “unha ameaza constante, introduce medidas coercitivas, suprime e limita dereitos fundamentais e sen un límite temporal”. O novo texto acredita ás autoridades sanitarias a requirir a identificación de persoas e emitir ordes de “obrigado cumprimento”. Medidas, que na súa opinión, “limitan os dereitos da poboación e non obrigan ao goberno a render contas na Cámara galega”.
A deputada do BNG explicou que a lei inclúe “a obrigatoriedade para realizar tratamentos, someter a probas diagnósticas ou aplicar medidas de profilaxe coma a vacinación cando así se considere”. A porcentaxe de vacinación en Galiza, explicou a parlamentaria é elevadísima como demostran as campañas de vacinacións antigripal ou a vacinación infantil. “O pobo galego acredita na ciencia e no enorme avance humano que supuxeron as vacinas”, o problema, remarcou non é negarse a poñer a vacina, o problema , no caso das vacinas contra a gripe foi a insuficiencia de doses para atender á demanda.
Asemade, cuestionaou a orixe da reforma, e asegurou que a confusión entre goberno da Xunta e grupo popular non é casual. “Pretende esquivar informes xurídicos que puideran poñer atrancos ou limitar as súas pretensións.”
As mulleres vítimas de maltrato quedan desprotexidas
Informes, dixo, coma o de Impacto de Xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, relativo ás consecuencias da reforma en materia das sancións previstas e que e que dan cabida a unha accesoria para prohibir calquera tipo de axudas ou subvencións por parte da Administración pública autonómica e local galega por un período de entre un e cinco anos. A reforma pode imposibilitar a “optar ás axudas ás vítimas de violencia de xénero, algunas das cales teñen por destino facilitar á vítima unha independencia económica ou recurso habitacional que lle permita rachar coa situación de violencia e garantir a súa seguridade.” Como é posible que deixen ás mulleres baixo unha situación de maltrato ante tal desprotección? preguntou a nacionalista.
Por outra banda, insisitiu en que a reforma da lei non obedece á necesidade de reforzar ferramentas para facer fronte á maior pandemia do planeta, revela “unha serie de medidas de carácter puramente restritivo e punitivo”. Non recolle ningunha medida para reforzar o sistema sanitario. Non contempla unha maior contratación de profesionais, nin dotación de medios materiais. Non contempla unha redistribución do sistema sanitario aproveitando as leccións que deixou a COVID19 para estar preparadas no caso de ter que soportar outra crise semellante.” Pon o foco na responsabilidade individual no lugar de asumir a responsabilidade colectiva, pon o foco nos posíbeis incumprimentos individuais, en condutas totalmente marxinais e puntuais en lugar de centrala na responsabilidade que ten o goberno á hora de manter e dotar debidamente o sistema sanitario, os servizos sociais, o ensino, as administracións, nin tampouco no investimento social e económico que se está a realizar.
Máis sancións pero ninguna nova medida sanitaria
Resulta “miserento” que o PP utilice a reforma lexislativa para tratar de poñer freo á pandemia, e cargue o peso na responsabilidade individual e sobre as sancións a impoñer en cada caso sen aportar realmente medidas sanitarias. E máis triste resulta isto cando o comportamento da poboación galega durante este ano está a ser exemplar, tanto na adopción das medidas establecidas coma en continuar traballando para poder sobrepoñernos a esta pandemia.
E mentres falan desta vacinación obrigatoria, que van facer coas mensaxes que se lanzan por xefes de servizo poñendo en dúbida a eficacia destas vacinas e que son verdadeiras aberracións científicas? preguntou a nacionalista. Non dubidaron en cesar a unha xefa de servizo cando no comezo da pandemia demandou medidas de protección para o persoal sanitario, cando a mensaxe que se lle daba ás profesionais era que non había que usar máscara todo o tempo porque creaba alarma social. Agora van tomar medidas ou permitir que desde o propio Sergas se envíen mensaxes acientíficas que poden contribuír a crear alarma social, replicou.
Estes son os instrumentos que presenta o Partido Popular para loitar contra a pandemia: “restricións e sancións” pero ningunha mención a aumentar a educación sanitaria da poboación, reforzar o sistema sanitario, de dotalo de profesionais suficientes e medios axeitados, ou intervir as residencias da 3ª idade e persoas con discapacidade.
O BNG reclama reforzar o servizo de Saúde Pública
Desde o BNG apostamos por reforzar o servizo de Saúde Pública coa creación dun organismo que potencie as redes de vixilancia epidemiolóxica,un organismo con capacidade de xestión, con estruturas propias e recursos humanos e materiais, e que conte con sistemas de comunicación e coordinación co resto de áreas do sistema público de saúde. Unha coordinación que ademais ten que ser especialmente coidada coa Atención Primaria en aras de desenvolver medidas de promoción e protección da saúde e de prevención da enfermidade. É necesario “un sistema de rastrexo” e controlar o “illamento” dos casos confirmados para interromper a cadea de transmisión.
Máis investigación
A deputada aludiu á precariedade laboral d@s investigadoras galegas que están a desenvolver liñas de investigación punteiras no panorama científico internacional e que en moitas ocasións, obrigan aos profesionais a emigrar. Neste sentido, propuxo crear un “sistema público de investigación sanitaria” no que se integre todo o persoal que forma parte das tres fundacións biomédicas de Galiza para impulsar a investigación, a docencia, a innovación e o desenvolvemento científico-tecnolóxico.
“Para curar pneumonías non precisamos multas, precisamos persoal que traballe no seu diagnóstico e tratamentos, e desa premisa veñen as emendas do BNG para reforzar a sanidade pública e os servizos de saúde pública e medicina preventiva, recuperar as áreas sanitarias que o PP eliminou hai uns anos, dotar a Atención Primaria de maior capacidade resolutiva, e unha aposta real pola investigación pública”.