Santiago de Compostela, 24 de febreiro 2021. O BNG censura á Xunta o seu anuncio dunha moratoria ás novas plantacións de eucaliptos que finalmente non incorporou ao Plan Forestal de Galiza nin transaccionou co resto de forzas políticas durante a tramitación e votación final do texto celebrado hoxe no Parlamento galego. Un “brindis ao sol” máis do Goberno de Feixóo, logo que este trasladara aos medios de comunicación un anuncio neste sentido que, ademais, non se correspondía co que fixera chegar na xornada de onte ao resto de grupos da Cámara.
Durante o debate previo á votación, a portavoz nacionalista de Montes, María Albert, xa advertira da pouca fiabilidade deste movemento que vén demostrar que ao PP “dalle igual o que poña o documento”. “No papel colle todo, até que presenten como proposta estrela unha moratoria, que non prohibición, que xa está en vigor a día de hoxe e que levan saltando polo arco do triunfo durante 12 anos incumpríndoa sistematicamente”, recalcou.
Neste sentido, explicou que en 2016 a propia Xunta recoñecía unha superficie total de eucalipto, entre superficies puras e superficies mixtas, de 310.000 hectáreas, cifra que dous anos máis tarde xa se elevaba a 422.000 hectáreas. “Se o plan forestal de 1992 prevía 245.000 hectáreas para 2032 e en 2016 xa estaban a falar de 310.000, porque non pararon esta expansión? Tiñan os argumentos, tiñan a norma e tiñan a capacidade política e de goberno para facelo e non o fixeron”, reprobou para a continuación concluír que “sen embargo, agora témonos que crer que para que o BNG e o PSOE voten a favor deste plan, de repente van facer o que non fixeron durante 12 anos no goberno”.
Para a deputada nacionalista, do que se trata é de “gañar a batalla da opinión pública independentemente do que se faga no documento”, pese ao que felicitou con ironía ao PP por “sumarse á postura do BNG nos termos en que vén recollida na prensa de hoxe, non tal e como a presentaron onte”.
Albert subliñou que as propostas de resolución do PP ao texto, aprobado en solitario e sen aceptar nin unha soa das emendas da oposición, son un recoñecemento explícito de que os argumentos nacionalistas son correctos e, en todo caso, o intento “cosmético” do Executivo galego non soluciona todos os problemas do plan. Nesta liña enumerou os eixos sobre os que debía pivotar este instrumento normativo e entre os que citou a Rede Natura e os espazos protexidos, a atención aos montes en man común, a multifuncionalidade e a resilencia do monte galego.
Logo de repasar as múltiples eivas do texto, a portavoz de Montes concluíu: “van pasar dun plan, o de 1992, aprobado por unanimidade, a un que votan en solitario. Pregúntense por que”.