Santiago de Compostela, 18 febreiro 2021. O BNG reclama á Xunta que dote aos concellos de Alfoz e O Valadouro do servizo de pediatría que tanto precisan e cubra as prazas vacantes que existen actualmente na mesma especialidade nos concellos de Xove, Cervo, Ribadeo, Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo.
Nunha pregunta formulada na comisión de Sanidade do Parlamento galego, o deputado Daniel Castro indicou que a falta deste persoal facultativo na Mariña é “un problema que vén de longo”, con eivas xerais que se dan en case todos os concellos da comarca e que lamentablemente son comúns a moitas comarcas do país, pero tamén con deficiencias específicas.
Neste sentido salientou a situación do servizo nos municipios de Mondoñedo, Vilanova de Lourenzá e Barreiros, que comparten unha mesma profesional pediátrica que traballa de forma alterna nas tres localidades e “que debe atender ela soa arredor duns 800 nenos e nenas”, advertiu, para a continuación engadir as derivacións que sofren os e as pequenas ao médico de familia ou mesmo ao servizo de urxencias do hospital da Mariña.
Pérez tamén puxo o foco no concello de San Cibrao, onde o Goberno galego tardou medio ano en cubrir a baixa da pediatra e só o fixo logo das mobilizacións cidadás, aínda que posteriormente acabou deixando a praza deserta por xubilación e cubríndoa cun profesional que só presta atención dous días á semana a preto de 600 pequenxs dos concellos de Cervo e Xove. “O resultado é que as familias acaban levando aos nenos e nenas ao hospital de Burela, tremendamente sobrecargado, para seren atendidos por un ou unha médica de familia”.
Ademais destes exemplos concretos, o deputado nacionalista pola Mariña recordou outros casos de baixas pediátricas non cubertas durante meses, como aconteceu en Ribadeo, e fixo especial fincapé nos concellos de Alfoz e O Valadouro, “que levan moitos anos sen servizo de pediatría”. Así, explicou que os aproximadamente 350 nenxs destas dúas localidades téñense que desprazar ata Foz para seren atendidos por unha pediatra que, por riba, “traballa con redución de xornada desde hai tempo e que por suposto non se cubriu con outro ou outra profesional”.
“As consecuencias desta realidade son evidentemente a sobrecarga extrema dun servizo de pediatría xa de por si sobrecargado”, recalcou, para a continuación advertir das “grandísimas listas de agarda que se producen e un máis que evidente deterioro da calidade da nosa sanidade pública” e reclamar a dotación de servizo pediátrico para O Valadouro como fixera xa en 2014 o propio pleno municipal a iniciativa do BNG.
Para o deputado nacionalista, a “práctica xeneralizada de non cubrir ningunha das baixas ou vacacións” das e dos profesionais pediátricos implica un exemplo máis do abandono que padece o rural por parte do Goberno de Feixóo. “De nada vale anunciar a bombo e prato lexislaturas do rural, se na realidade o feito de habitalo lle supón á xente deste país unha clara desvantaxe nos dereitos e na calidade da súa sanidade pública”, concluíu.