A concelleira do BNG aposta por reactivar a economía municipal desde os consumidores e propónlle ao goberno local ofrecer bonos de 40€ a cada veciñx empadroado no concello para uso exclusivo nas empresas municipais e actividades culturais no concello. Deste xeito, apunta Míriam Bermúdez, “non só estariamos a beneficiar ás autónomas e autónomos, senón que con esta medida impulsaríase todo o tecido económico, xa sexa consumidor, vendedor, produtor, distribuidor, etc. Unha medida que non contaría cos estrictos requisitos nen as longas esperas do pasado plan, unha inxección instantánea tendo en conta a situación de urxencia”, concluíu.
A proposta do BNG para os orzamentos 2021 é clara e para nada excesiva, apuntan. Se vemos que dos anunciados 400.000€ do pasado plan de reactivación económica apenas se chegou a dar o 54%, o que son uns 215.000€ segundo anunciou o tenente de alcaldesa, quedou un remanente de 185.000€. Polo que se o Goberno Municipal quere apostar este ano tamén pola cifra dos 400.000 e xunto cos 185.000 de remanente, estaríamos a falar duns 585.000€, cifra que se aproxima ao total necesario para ofrecer bonos de 40€ se contamos que Viveiro ten uns 15.700 habitantes. Un total en axudas de 628.000€ sempre e cando se utilizasen todos os bonos, algo moi pouco probable e por iso desde o BNG solicitamos aproximar a partida orzamentaria a esta cifra.
Por outra banda, Míriam Bermúdez incide tamén na gran necesidade de crear un Plan de Pagos Personalizado Municipal, estabelecendo unha reducción do 3% na cota íntegra dos impostos municipais, podéndose adherir de xeito voluntario as veciñas e veciños que así o desexaran. Un plan de pagos individualizado que lles facilitaría ás familias e empresas o pago dos seus impostos municipais, onde ademais da reducción do 3%, poderían elexir a forma de pago que máis lles conveña, ben sexa mensual, bimestral, trimestral ou semestral.