Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide levantar as trabas para contratar tripulantes de terceiros países ante a falta de remuda xeracional no sector pesqueiro

 Santiago de Compostela, 11 de febrero, 2021. A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez leva ao Parlamento galego os problemas derivados da falta de xente nova no sector pesqueiro que está a provocar que os barcos non poidan saír de porto e teñan que recorrer a contratar tripulacións de terceiros países.

A parlamentaria explica que Galiza, con máis de 4.000 barcos leva máis dunha década sufrindo un grave problema de remuda xeracional. “A falla de xente nova no sector xa ten provocado que moitos buques preparados para saír ao mar non poidan saír de porto e teñan que atrasar durante semanas a súa partida, producíndose un dano enorme en toda a cadea de valor” polo que deben recorrer a contratar tripulantes estranxeiros.

A escaseza de persoal, reitera a nacionalista, afecta a todos os portos e a todas as frotas porque as condicións da vida no mar non atraen aos mozos. Neste sentido, lembra que a Asociación Española de Titulados Náuticos Persqueiros (AETINAPE), ten posto de manifesto a necesidade de investir para que mocidade volva a ver expectativas laborais no mar.

Entre as principais escolas náuticas de Galiza (Vigo, Ribeira, A Coruña e Ferrol) hai máis de 400 estudantes e os armadores critican os numerosos obstáculos burocráticos para podelos acoller en prácticas, problema ao que se suma a Federación de Confrarías ante os moitos requisitos que se exixen para ser mariñeiro.Ao tempo que as escolas náutico-pesqueiras contan cun nutrido alumnado, as distintas frotas teñen cada vez menos tripulacións e persoal cualificado que ameaza a continuidade das pesquerías a pequena e mediana escala.

Non existe unha estratexia para incorporar a xente nova e mulleres

Por outra parte, a nacionalista afirma que non existe “unha estratexia” que recolla as necesidades formativas porque non se impulsa o coñecemento real do alumnado cara ao propio sector extractivo, non se dá resposta efectiva ás necesidades formativas do sector mediante organización de cursos e certificados de especialidade para o embarque, non se prioriza a oferta de cursos de especialidade marítima axeitada e coordinada coas súas necesidades, e non son gratuítos a pesar de que os alumnos deben desprazarse para realizar os cursos e hai un “nulo impulso” da presenza da muller neste ámbito.

Esta situación obriga a traballadores estranxeiros e cumprindo coa lexislación vixente pero recentemente a administración central “ditou novas normas que dificultan, ou impiden esas contratacións habituais”. As novas instrucións establecen que non se permite conceder autorización de residencia e traballo sen ter previamente a capacitación para o exercicio da profesión (mariñeiro de pesca), cando, ata agora, ao traballador concedíaselle o visado e unha vez aquí realizaba o curso de mariñeiro pescador. Así, hai neste momento “un importante número de tripulantes estranxeiros, nomeadamente indonesios, en buques pesqueiros galegos”, salienta a deputada.

Por outra banda, as devanditas instrucións non citan en ningún momento aos tripulantes de barcos que faenan nos caladoiros do Estado español, refírense só aos embarcados que faenan fóra da ZEE, polo que a frota volanteira, a arrastreira, a palangreira e a do cerco de Galiza e do resto do Estado queda directamente afectada.

As distintas asociacións do sector xa se teñen dirixido á Secretaría de Estado de Migracións e teñen conseguido a adhesión ás súas peticións da maioría dos buques das diferentes frotas que faenan no Cantábrico Noroeste, máis de 250, e de numerosas confrarías, sen que ata o de agora teñan recibido resposta ás súas demandas. Dende o BNG reclamamos unha, “solución a gravísima problemática que mantén barcos amarrados a portos por non teren a tripulación mínima exixida”.

Exit mobile version