Ademais, o BNG reclama ao goberno galego demandar do goberno do Estado “un protocolo de vacinación acorde ás características específicas dos traballadores do mar”, contemplando a estancia suficiente en terra garantindo a súa saúde e seguridade para a súa volta ao mar.
Na proposición non de lei rexistrada no Parlamento galego, a deputada explica que nas últimas semanas foron coñecidos distintos casos de buques galegos que viaxaban ás Malvinas e na súa ruta foron retidos en porto por detectarse gromos de covid-19 entre a súa tripulación.
Primeiro foi o “Venturer”, barco pertencente á empresa galega Pescapuerta, que se atopa fondeado nun porto brasileiro con varios tripulantes infectados dun total de 64 e, pouco despois, o “Argos Pereira” que arribou ao porto de Montevideo coa metade da súa tripulación, 54 persoas, afectada de covid-19.
Os dous buques partiron do porto de Vigo con dirección ao caladoiro das Malvinas após, supostamente realizar as probas pertinentes. O “Venturer” chegou a Salvador de Bahía o 28 de xaneiro e á tripulación non se lle permitiu desembarcar, agás cinco tripulantes que foron ingresados en centros hospitalarios ante a gravidade dos síntomas. A tripulación do “Argos Pereira”, da empresa galega Pereira, tamén permaneceu illada no barco ata que as autoridades uruguaias permitiron desembarcar a aqueles que deron negativo nas probas.
Rosana Pérez lembra que lexislación internacional considerou nesta pandemia aos traballadores do mar como esenciais e a Comisión Europea ditou no mes de abril de 2020 disposicións relativas á protección da súa saúde e da súa repatriación. Sen embargo, a administración do Estado español e a galega “carecen aínda, un ano despois do comezo da pandemia, dun protocolo homologado que impida as disparidades que se están a dar nos distintos casos”.
Por outra parte, os propios tripulantes e a súas familias non están a ser informados das actuación das empresas e da administración, denuncia.
Os probas para detectar a COVID deben ser rigorosas
A parlamentaria cuestiona a aparición de casos de COVID en alta mar despois de transcorrer varios días de navegacións dende a súa saída de porto e pregunta se as probas realizadas foron en realidade feitas porque todo indica que os controis realizados pola administración non contaron “coa rigorosidade exixida”.
As administracións son as responsables de extremar os controis para garantir en todo momento que se cumpren as recomendacións sanitarias e para que, unha vez detectados os gromos, se poda atender do mellor xeito aos afectados e mantelos informados a eles e a súas familias de maneira constante.