Santiago de Compostela, 5 de Febreiro 2021. A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil denunciou a negativa da Xunta de Galiza a remitir a información solicitada polo BNG sobre as inspeccións e expedientes abertos ás residencias de maiores. Neste sentido, cualificou de “alarmante e indignante” a “conivencia entre a Xunta de Galiza e DomusVi” sobre todo, despois de coñecer a vacinación irregular da conselleira delegada e o seu irmán saltando todos os protocolos establecidos polo SERGAS.
Por outra banda, engadiu Rodil, a Xunta impide, de maneira sistemáticas, o acceso aos expedientes iniciados nas residencias de DomusVi. Dende que comezou a lexislatura, explicou a deputada, o BNG formulou diferentes peticións para coñecer a situación na que se atopan as residencias do grupo DomusVi, responsable de xestionar o 20% das prazas privadas en Galiza.
Hai que lembrar que no primeiro ano da pandemia o 40% das persoas falecidas en Galiza con Covid19 eran usuarias de residencias e que foron, precisamente, as residencias de DomusVi as que rexistraron contaxios masivos e un maior número de falecementos ao longo destes meses. Sen embargo, descoñecemos os datos reais a este respecto porque a Xunta de Galiza “négase tamén a dar os datos desagregados por residencias”.
Para a nacionalista, este proceder evidencia unha clara e intencionada “ocultación” da información e unha vulneración dos dereitos das deputadas e deputados para acceder a información no seu labor de control ao goberno”.
Rodil afirmou que nunca poden estar “por riba os intereses de empresas e entidades privadas sobre o dereito democrático de acceso á información e a coñecer o estado no que se atopan os servizos públicos deste país” así como das residencias que atenden a máis de 21 mil persoas.
A nacionalista insistiu en que xa non valen “escusas de mal pagador para intentar xustificar esta ocultación dicindo que son procesos aínda abertos ou xudicializados.”
“É vergonzante” que a documentación remitida sobre a situación das residencias á Comisión de reactivación, sexa reducida a 11 follas que non aportan ninguna información significativa. A Xunta está a impedir ao Parlamento saber cantas empresas foron sancionadas pola falta de calidade da comida, o incumprimento das ratios de persoal de atención directa ás persoas usuarias ou si o trato a residentes é correcto. Neste ámbito, a Xunta está actuando como “parapeto” das empresas privadas que xestionan as prazas das residencias galegas e lembrou que o “80% das prazas son privadas”. A Xunta, recalcou, protexe á conselleira delegada de DomusVi por vacinarse cando non lle tocaba e protexe a esta e outras empresas para “agochar” o que realmente esta acontecendo. Rodil tras denunciar “conivencia” entre a Xunta e a multinacional, DomusVi lembrou que tamén se oculta o expediente na residencia Nosa Señora dos Remedios, en Ourense.
A deputada do BNG anunciou que o grupo parlamentario nacionalista reclamará o amparo da Presidencia do parlamento para que vele e defenda os dereitos dos e das deputadas e pediu á Xunta que “ non esconda nada. Que deixe de ocultar información ao BNG e ao Parlamento e que deixe de vetar o acceso á documentación solicitada”.