Burela, 4 de febreiro, 2021. Este xoves 4 de a Febreiro debátese en sesión plenaria no concello de Burela o Plan Único da Deputación de Lugo. O BNG anuncia que puido acordar unha parte dos investimentos, se ven, segundo o seu voceiro municipal, Mario Pillado, “non foi posible un acordo total posto que nós cremos que era mais urxente introducir no programa de investimentos algunha obra para solucionalos problemas co alumeado público que observamos e que nos fai chegar a veciñanza. Entendemos que as obras incluídas no plan deberían avanzar na seu procedemento de forma mais áxil, sen prexuízo de que outras sexan incluídas no plan de investimentos do orzamento para 2021 ou financialas co posible superávit de 2020 ou cos remanentes. Estamos dacordo coas obras de asfaltado do Camiño Real e coa reparación de beirarrúas pero cremos que a seguinte prioridade era o alumeado, por iso nos imos abster na votación, aínda que tamén estamos dacordo no resto dos programas como o plan de emprego, o SAF ou o de Covid19.
Pillado tamén recordou que “mentres uns se adican a rivalizar e ás polémicas estériles con respecto a temas transcendentais, como é a EDAR, outros tentamos chegar a acordos en maior ou menor medida polo ben da propia veciñanza. Uns danlle as costas e outros escoitámola”
O BNG leva propostas positivas para a vila, como a realización dun cribado masivo.
Os nacionalistas cren que vista a situación de Burela dende o comezo da pandemia o Concello de Burela debería solicitar a realización dun cribado masivo na vila. Para o portavoz nacionalista “en Burela levamos catro peches pero ningún cribado. Insistimos moito nisto, pero é que temos un porto no que entra e sae mercancía e persoal de todo o mundo, temos o hospital da Costa onde chega xente de toda a Mariña, a mobilidade na vila é moi difícil de controlar por iso cremos que o lóxico sería facer un cribado coma noutros puntos do país”
Dende o BNG tamén propoñen que o concello busque un acordo cos propietarios do edificio “Porto Plaza” para que se podan empregar os locais baleiros para o tecido asociativo da vila. O voceiro do bloque, Pillado dixo que “no pleno anterior preguntámoslle ó alcalde pola posibilidade de dotar de locais a diferentes asociacións e de regularizala situación da antiga Praza de Abastos. Para darlle tempo propoñemos que se tente chegar a un acordo cos propietarios do edificio comercial sito na Praza da Mariña para que se podan aproveitalos locais desocupados por parte dos diferentes colectivos e asociacións da vila”