Foz, 13 de febreiro de 2021. O alcalde focense, Fran Cajoto, entregou as chaves da canceira municipal á presidenta da Asociación Asistencial de Protección de Animais de Foz, Rosa María Álvarez Rodríguez.
O rexedor municipal explica que “ata o día de hoxe a Protectora estaba facendo unha enorme labor nunhas condicións pésimas. O recinto de Escanlar corrixe un déficit histórico en Foz: os animais van ter un lugar axeitado para agardar a adopción definitiva por unha familia. O ideal sería que non fosen necesarias estas instalacións porque unha mascota non é un xoguete, é unha responsabilidade, non se pode consentir que se sigan abandonando animais na rúa”.
O alcalde declara que a Asociación Asistencial de Protección de Animais de Foz “fai un labor altruísta fundamental, asumindo traballos dunha competencia que é municipal. Nótase o cariño e a prioridade que teñen co benestar dos animais e contan con todo o noso apoio. É por iso que o Concello de Foz vai conceder por primeira vez nos presupostos unha subvención á asociación, para axudar a sufragar os cuantiosos gastos correntes que soportan, como o sustento dos animais ou os custos do veterinario”.
Fran Cajoto recorda que “a construción das instalacións foi froito dun convenio asinado no 2018 entre a Deputación de Lugo e o Concello de Foz, no que o ente provincial aportou 90.000 euros e o Concello 38.000 euros. O refuxio esténdese nuns 2.500 metros cadrados de finca pechada perimetralmente, onde a propia canceira ten unha ocupación en planta de 285 metros cadrados. Trátase dunha nave con estrutura metálica cuberta e inclinada a dúas augas, con zonas cubertas nas dúas direccións e con capacidade para 40 animais. As instalacións dispoñen de zona de espera, oficina, aseo con ducha e zona de baño de animais, unha sala de curas e outra para pequenas intervencións. A nave conta cunha zona exterior para os animais. Adicionalmente o Concello sufragou con fondos propios o mobiliario interior, cun custo de máis de 5.300 euros e o acondicionamento e peche vexetal da parcela”.
Tralos trámites administrativos do regulamento de funcionamento e a sinatura do convenio de colaboración entre Protectora e Concello, o alcalde de Foz procedeu á entrega das chaves da canceira cunha convidada de excepción, Aisha, que quixo participar da foto e que xa gozou dunhas longas carreiras polo recinto.