Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo demándalle á Xunta que adapte a lexislación para que a saúde pública impere sobre “os posicionamentos egoistas e negacionistas”, despois de que unha usuaria da residencia de maiores non recibira a vacina por expreso desexo dun familiar

 Ribadeo, 11 de febreiro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “o negacionismo non casa coa nosa sociedade”. Así se referiu ao caso da usuaria da residencia de maiores, que non recibiu a vacina contra ao covid19 por expreso desexo dun familiar. O rexedor pregúntase ¿qué primamos primeiro os dereitos fundamentais individuais ou a saúde pública colectiva?. Suárez Barcia demándalle á Xunta que promova, á maior celeridade posible, a adaptación lexislativa necesaria para que a saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais, egoístas e negacionistas.
O alcalde ribadense dixo que “é moi desesperanzadora esta situación. Á vista de que na nova residencia de maiores xa se puxeron as dúas doses da vacina, só unha usuaria non a recibiu por expreso desexo dun familiar. Onte esta usuaria deu positivo en coronavirus, logo revisado cunha nova PCR semella que foi un falso positivo, o cal valorámolo como unha moi boa noticia, pero é certo que a actitude do familiar entendemos que é intolerable”.
Suárez Barcia considera que “o egoísmo e o negacionismo non casan coa nosa sociedade. Debo dicir que, ademais do comportamento impecable nesta actuación por parte da Deputación de Lugo, desde o Concello de Ribadeo consideramos que non é axeitado que as persoas que convivan nunha residencia municipal non apliquen a vacina, ben por desexo propio no caso de que teñan a vontade intacta ou ben por desexo dos seus familiares no caso de que estes teñan a tutela”.
O rexedor sinalou que “o certo é que vivimos nuns momentos moi complexos e desde os Concellos, como é o caso do noso, abondo temos con xestionar o día da día das residencias públicas, e aquí dáse unha pregunta que hai que resolver inmediatamente, ¿qué prima primeiro se os dereitos fundamentais individuais ou a saúde pública colectiva?. Polo tanto, sendo competencias galegas como son o caso da saúde pública e máis dos servizos sociais, eu vexo necesario que a Xunta de Galicia promova, á maior celeridade, a adaptación lexislativa necesaria para garantir que a saúde pública impere sobre os posicionamentos individuais egoístas e negacionistas. E polo tanto, poida ser de obrigado cumprimento, para ter acceso a un servizo asistencial como é unha residencia de maiores, a aceptación da vacina contra o covid19”.

Exit mobile version