Ribadeo, 1 de febreiro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, manifestou ao respecto das queixas dun aspirante a un proceso de contratación laboral temporal que tivo lugar hai uns días, que o tribunal, antes de pechar o proceso selectivo, se decatou dun erro no cómputo da puntuación desa persoa, concretamente nos cursiños acreditados na fase de concurso. Iso fixo variar a lista e este aspirante, que xa estaba chamado para asinar o contrato, pasou do segundo ao cuarto posto e ao haber dúas prazas temporais quedou excluído.
O rexedor explicou que “segundo os técnicos me indican, este tribunal, antes de pechar o proceso selectivo, se decatou dun erro no cómputo da puntuación dun aspirante, concretamente nos seus cursiños acreditados na fase de concurso. Isto foi debido a que se computou erroneamente un curso de albanelería, cando esa puntuación correspondería se fose de xardinería, co que se deduciron 0´75 puntos, e entón o aspirante que era o segundo da lista, e que xa estaba chamado para asinar contrato, pasou a ocupar o cuarto posto. De aí que, ao haber dúas prazas temporais, quedou excluído”.
Suárez Barcia dixo: “todo isto se manifesta con detalle nunha acta de 14 de xaneiro, que formula precisamente o tribunal de selección, para este proceso de contratación de persoal laboral. Esta acta está exposta ao público e dispoñible na sede electrónica da web municipal”.