Lugo, 22 de febreiro de 2021 A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou hoxe a súa confianza en que fructifiquen as negociacións abertas para a venda da fábrica de Alcoa en San Cibrao.
Isabel Rodríugez, que participou na xuntanza celebrada esta mañá por videoconferencia para informar sobre os pasos que se están a dar para a venda de Alcoa, manifestou que “aínda que estamos ao principio do camiño, penso que as perspectivas son boas, xa que se aprecia que hai vontade negociadora. Neste momento toca ser moi prudentes, pero quero expresar a miña confianza en que as negociacións poden chegar a bo porto”.
A subdelegada agradeceu aos traballadores de Alcoa “a súa aposta polo diálogo e a súa prudencia, nun momento que é de vital importancia para chegar a unha saída de futuro”.
“Lembrar que no Goberno teñen un aliado. O noso empeño sempre foi garantir o futuro do emprego e da actividade na comarca da Mariña”, declarou Rodríguez. Neste sentido, a subdelegada destacou “a implicación do Secretario Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, Raül Blanco, que, desde o primeiro momento, estivo sempre ao pé do cañón, traballando sempre con moito tino e con moita intelixencia, sen buscar nunca protagonismo, na procura de solucións para San Cibrao”.