Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se debateu sobre as negociacións bilaterais das posibilidades de pesca para 2021 nas augas compartidas entre a Unión Europea e o Reino Unido. No marco deste encontro Galicia defendeu unha vez máis o incremento, tanto das cotas provisionais asignadas ao primeiro trimestre do ano como para o conxunto de 2021 nestas augas co obxectivo de compensar outras caídas.
Neste sentido, a titular de Mar lembrou que como consecuencia do acordo do brexit o Executivo comunitario cedeu ao Reino Unido o 25% das posibilidades de pesca europeas a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio. Para tratar de mellorar as cotas, especificou, é clave poñer en valor os argumentos socioeconómicos, a unidade de acción entre as comunidades autónomas e o Goberno central e definir unha estratexia.
En relación ao primeiro trimestre do ano, hai que lembrar que nas poboacións de peixes compartidas co Reino Unido, como as das augas do Gran Sol, se estableceron de xeito provisional unhas cotas estables e proporcionais ás fixadas para 2020.
Para este período, expuxo a conselleira, Galicia considera necesario o incremento das cotas asignadas co obxectivo de realizar aumentos nas pesqueiras que, xunto coa xestión que a frota realice delas, permitan manter a súa actividade durante o resto do ano. Nesta liña explicou que hai moitas pesqueiras como a da xarda, o lirio ou o rape en Gran Sol que teñen as súas cotas asignadas por buque, o que supón que cada armador as organiza segundo beneficie á súa actividade e non necesariamente nos tres primeiros meses do ano.
Ademais, para impulsar un maior rendemento das cotas asignadas ao primeiro trimestre, a titular de Mar solicitou ao Goberno central un especial seguimento e contabilización tamén co obxectivo de evitar a sobrepesca e o risco de sancións.
En canto ás cotas definitivas para o 2021 que se están a negociar para as augas compartidas co Reino Unido, salientou que á hora de determinalas é preciso ter en conta a necesidade de dispor de cota de especies para a súa cesión e intercambio con outros Estados Membros. Tamén debe estar moi presente, engadiu Rosa Quintana, o equilibrio entre os aspectos medioambientais e os económicos e sociais. Con esta premisa e coa intención de armarse de argumentos para trasladalos ao Executivo central, Galicia elaborará un documento de análise do impacto dos previsibles axustes de cota nas principais especies de captura da frota que faena en augas do Gran Sol.
A comunidade galega defende ademais unha flexibilidade que permita ao sector pesqueiro afrontar as circunstancias derivadas da pandemia da covid-19. Por exemplo, aumentando a porcentaxe do 10% de flexibilización interanual da cota que autoriza a Política Común de Pesca, é dicir, a cantidade que non se consumiu nun ano e que se pode pescar no seguinte.
Especies de alto valor
A falla de publicar as cifras da proposta para a negociación das cotas para despois do primeiro trimestre deste ano nas poboacións de peixes compartidas co Reino Unido, Galicia considera clave mellorar as propostas do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) para especies de alto valor para a frota galega como a pescada do norte, o rapante ou o peixe sapo, entre outras. O obxectivo, explicou Rosa Quintana, é evitar que se produzan recortes ou ampliar as subidas nas cifras presentadas. Ademais Galicia busca maximizar as cifras dispostas para outras especies secundarias coma a cigala, a maruca, o ollomol e o alfonsino.
Tanto para a pescada do norte como para o rapante, Galicia defende o mantemento ou incluso o incremento do Total Admisible de Captura (TAC) tendo en conta cuestións relativas á mellora da biomasa segundo reflicten os datos científicos. En canto ao peixe sapo, a comunidade autónoma galega avoga por un aumento da cota superior ao que aconsella o ICES, tendo en conta o bo comportamento da biomasa e o alcance e mantemento en anos pasados do Rendemento Máximo Sustentable, é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock.
En relación ás especies de augas profundas, como o ollomol e o alfonsino, entre outras, Galicia leva tempo defendendo a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación pola rebaixa do esforzo pesqueiro realizado sobre elas.
A conselleira tamén asistiu por videoconferencia á Conferencia Sectorial conxunta de Agricultura e Desenvolvemento Rural e de Pesca na que se aprobou o Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria 2021-2025.