Ese traballo a diario por sacar proveito do que se tiña máis á man para a propia subsistencia foi dando pé á configuración duns oficios que agora vimos a catalogar coma tradicionais; oficios que por esa perda de biodiversidade da que antes falamos, así coma pola competencia das grandes empresas de produción e da importación de produtos industriais, están en grave perigo de desaparecer, e con iso tamén toda unha bagaxe cultural que dende Nordés reivindicamos.
Por todo o anterior, decidimos programar esta nova edición das “Alternativas do rural” baixo o subtítulo de “Vellos oficios para un tempo novo”, para falar da xente que quere manterse no rural e que para iso emprendeu o camiño de facer da produción de queixo, mel ou sidra a base principal da súa economía, superando contratempos, trabas e dificultades nese proceso.
Das súas experiencias, coa intención tanto de dar a coñecer o seu traballo, coma de alentar ás persoas que teñen en mente poñer en marcha algún proxecto semellante, falarannos o próximo sábado 20 de febreiro ás 6 da tarde, e a través da plataforma Jitsi Meet: María Veiga, de Queixería Bisqato ; Manuel Rodríguez de AGA Ortegal e Antonio Martínez, de Mel do Santar, ámbolos dous apicultores; e por último Jesús Armenteiros, sidricultor do Lagar de Ribela (Ribela Craft Cider).
Podedes asitir polo Jitsi Meet a través de https://meet.jit.si/nordés para interactuar directamente co resto de persoas. Por favor, estade 10-5 minutos antes da hora, cos micros pechados. O venres 19 ás 19:00h. realizaremos unha proba de conexión por se alguén quere familiarizarse coa plataforma. Tamén retransmitiremos a actividade o 20 de febreiro, pola nosa canle de Youtube chamada Nordes Faladora.