O Vicedo, 17 de febreiro, 2021. Coma outros concellos de Galiza, Mañón, O Vicedo e Ortigueira levan moitos anos sofrindo perda de poboación pola emigración da xuventude e un crecemento vexetativo negativo. Paralelamente, a taxa de envellecemento vai en constante crecemento, aínda que, por outra banda, a porcentaxe de homes e mulleres en idade laboral sitúase arredor do 55% nos tres concellos onde desenvolve a súa actividade Nordés, e para quenes van destinadas as xornadas organizadas baixo o título de “Alternativas do rural” dende o ano 2018: falamos de diferentes proxectos de traballo no sector primario, do potencial da xestión comunal dos montes ou das persoas que decidiron dotar de servizos ao rural. As “alternativas” naceron cos obxetivos de transmitir a necesidade de recuperar o rural, de manter os coñecementos de miles de anos de evolución que deron forma a unha paisaxe moi rica na súa biodiversidade, actualmente ameazada, da cal homes e mulleres foron quen, xeración tras xeración, de sacar un proveito sostido e sostible nun estado de simbiose co medio natural.
Ese traballo a diario por sacar proveito do que se tiña máis á man para a propia subsistencia foi dando pé á configuración duns oficios que agora vimos a catalogar coma tradicionais; oficios que por esa perda de biodiversidade da que antes falamos, así coma pola competencia das grandes empresas de produción e da importación de produtos industriais, están en grave perigo de desaparecer, e con iso tamén toda unha bagaxe cultural que dende Nordés reivindicamos.
Por todo o anterior, decidimos programar esta nova edición das “Alternativas do rural” baixo o subtítulo de “Vellos oficios para un tempo novo”, para falar da xente que quere manterse no rural e que para iso emprendeu o camiño de facer da produción de queixo, mel ou sidra a base principal da súa economía, superando contratempos, trabas e dificultades nese proceso.
Das súas experiencias, coa intención tanto de dar a coñecer o seu traballo, coma de alentar ás persoas que teñen en mente poñer en marcha algún proxecto semellante, falarannos o próximo sábado 20 de febreiro ás 6 da tarde, e a través da plataforma Jitsi Meet: María Veiga, de Queixería Bisqato ; Manuel Rodríguez de AGA Ortegal e Antonio Martínez, de Mel do Santar, ámbolos dous apicultores; e por último Jesús Armenteiros, sidricultor do Lagar de Ribela (Ribela Craft Cider).
Podedes asitir polo Jitsi Meet a través de https://meet.jit.si/nordés para interactuar directamente co resto de persoas. Por favor, estade 10-5 minutos antes da hora, cos micros pechados. O venres 19 ás 19:00h. realizaremos unha proba de conexión por se alguén quere familiarizarse coa plataforma. Tamén retransmitiremos a actividade o 20 de febreiro, pola nosa canle de Youtube chamada Nordes Faladora.