Site icon Crónica3.com A Mariña

“Eleccións catalás 14-F. O independentismo acada o 51% dos votos”, por Xoán Antón Pérez Lema

Estas eleccións catalás xogáronse coas cartas marcadas. As anteriores foron fixadas polo 155 de Rajoy, Rivera e Pedro Sánchez. A maioría independentista (70 s/ 135 daquela) non puido investir nin Puigdemont, nin Jordi Sánchez polas decisións do Tribunal Supremo (TS) español. O remate da lexislatura tamén o sinalou o TS coa insólita condena penal do president Torra. Mesmo a data foi determinada polos Tribunais españois. Convíñalle ao Goberno do Estado que Salvador Illa fose investido president dun xeito ou doutro e houbo que votar con grave risco para a saúde das persoas. Velaí os dados de participación, cun curto 53,45%.

Co 97,5 % escrutado PSC, ERC e JuntsxCat acadan resultados moi parellos (33 deputados e 22,98% para os de Illa e cadanseus 32 deputados para os republicanos de Junqueras e os soberanistas de Puigdemont e Laura Borrás con cadanseus 21,35% e 20,12% de votos). Illa e Pedro Sánchez poderán fachendear de ser os primeiros en votos e escanos, mais esta circunstancia non lle suporá ningunha posibilidade para gobernar. Porque a eses 33 deputados só poderían engadir os 8 dos comúns, co que só representarían o 30% do novo Parlament. Illa xa recebira anticipadamente o apoio dos comúns e de Vox. Mais agora non ten xa oportunidade ningunha.

O independentismo obtén 4 deputados máis (74/135 agora) e, por primeira, vez, acada o 51,15% dos votos, engadíndolle ao 6,7% da CUP (quinta forza, cos seus 9 deputados) o 0,21% de Primaries e o 2,7% do PdeCAT, que non obtivo deputado ningún, pechando de vez por moitos anos a historia do autonomismo de Convergência i Uniò, malia que seica impedise coa súa presentación electoral que a auténtica revelación destas eleccións, Laura Borràs (JuntsxCat) poida ser a primeira muller presidenta da Generalitat. Porque nun escenario no que só estaban previstos ERC e PSC, JuntsxCat, coa súa candidata, co seu referente Puigdemont e cos seus dirixentes presos ( Sánchez,Turull, Rull, Forn) amosaron ser a primeira proposta do soberanismo transversal.

No ámbito do unionismo os comúns repiten resultados (8 deputados), malia os máis de nove pontos de avance socialista, que recolle a meirande parte da desfeita de Cs, que baixa de 36 a 6 deputados. Unha baixada que fai medrar o voto de Vox até 11 deputados co 7,66% de votos, esnafrando as alternativas de Cs (5,55% de votos e 6 escanos ) e PP, que baixa de 4 a 3 escanos. A dereita española perde a metade da representación, de 40 a 20 escanos e sen dúbida o efecto do sorpasso producira inmediatos efectos na sede do PP da madrileña rúa Xénova, probábelmente a xeito de conversas inmediatas entre o PP e CS para unir forzas.

Sendo moi importante a vitoria soberanista, o certo é que tamén sofriron da desafección abstencionista, sen dúbida xerada polas súas liortas internas . Semella, pois, que o electorado soberanista catalán quere solucións e non está disposto a aturar aa falla de entendemento entre os seus partidos.

Exit mobile version