Desisto. Esa é a idea que me ven á cabeza con certa frecuencia dende hai algún tempo. Rescate aos bancos dicindo que o van devolver, pero sabendo que non sería así? Desisto! Promesas electorais que non cre ninguén (aparentemente) pero que parecen causar o efecto desexado unha e outra vez? Desisto! Asimetrías legais (teño que dicir aquí ‘aparentes’?) sen fin que curiosamente benefician a quen menos necesita de beneficios? Desisto! Expresión libre segundo para que e para quen? Desisto! Contaminación ambiental aumentada a cada promesa de diminución? Desisto! Corrupción que se reproduce a pesar das sucesivas rachaduras de vestiduras dos responsables? Desisto! E así sucesivamente, moito máis…
Mais non, sei que non podemos desistir. Si, hai quen parece que naceu desistido. Posiblemente, se alguén así comezou a ler, non terá chegado ata aquí. Pero é que creo que vivir parece ser iso: loitar para seguir vivo, para que todos podamos seguir vivos. A vida é un desequilibrio continuo, axustándose e reaxustándose sen parar. Só hai equilibrio cando se chega a un punto estable, o máis baixo, a morte. Mais tamén, polo contrario, se o desequilibrio se fai demasiado grande, rachamos incapaces de soportalo, e quedamos destruídos. Aí, no medio, axustándose, está a vida posible. Como salienta o dito, no medio está a virtude.
Por iso, seguir vivos. Pode que botándolle un chisco de optimismo que faga máis doce un mar cheo de pesimismo a modo de lixo que flota e fai máis temibles as ondas. Esas que máis aló de mexernos suavemente arríncannos da nosa posición e vémonos zarandeados sen máis, sen solución. Así pois, a única alternativa é a de mantérmonos a flote. Non hai quebraondas, senón rompentes diante de nós: nós somos pequenos quebraondas que, manténdonos a flote, contribuímos a restar un case nada a potencia das ondas que nos ningunean, que fan como se non fósemos ninguén.
Non, de pouco vale queixarse, máis aló de afundirse mentalmente. Peor aínda é fundirse na corrente dominante e tentar aproveitar a situación cadaquén polo seu, abandonando ós demais e perpetuando e aumentando os desequilibrios a nivel xeral. Manterse a flote pode custar, pero xa é algo non só para nós, senón a favor de todos, que ven como se pode manter un, e contribúe á esperanza. E, se alguén sabe nadar, é capaz de axudar para chegar á terra firme, para construír unha protección contra as forzas que nos moven coma se non tiveramos vontade, ese alguén convértese nun líder que marca a ruta ou nun faro que nos indica onde está a rompente que nos pode esmagar.
Si, os líderes existen, pero como cadaquén non sexa capaz de erixirse en líder de si mesmo, sairemos dunha para meternos noutra, indo de mal en peor. Mentres, os desafíos non esperan, senón que veñen a por nós aínda que sigamos a táctica do avestruz. Van desaparecer por arte de maxia a contaminación ou a desigualdade porque nos liemos a manta á cabeza? Non, non se trata de abstraerse no optimismo ou resignarse co pesimismo. A única saída viable pasa por traballar con realismo no día a día, cos nosos erros, tendo sempre presente que somos seres sociais e esquecer ós máis é, ó tempo, esquecer quen somos.