Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega urxe ao goberno local a que envíe os datos para a vacinación do SAF de Ribadeo e, se xa o fixo, que a Fegamp lla traslade canto antes á Xunta

Ribadeo, a 18 de febreiro de 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, urxe ao goberno local a enviar os datos necesarios para efectuar a vacinación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que atenden aos maiores do noso concello porque “a Xunta aínda non os recibiu”. O popular pide que “se non enviou a información necesaria, que a envíe; e se xa a enviou, que a Fegamp a traslade canto antes para que Ribadeo non sexa o único concello da Mariña sen a documentación entregada”, manifesta.

“Non sabemos moi ben o que pasa: se o Concello non enviou a documentación á Fegamp ou se a Fegamp aínda non enviou esa información á Xunta. En calquera caso, a administración autonómica non dispón dos datos necesarios para vacinar co obxectivo de inmunizar ás traballadoras de axuda do fogar que están a realizar un traballo moi importante como é o de coidar a moitos maiores do noso municipio nos seus propios fogares”. Por iso, Vega insiste na importancia de administrarlles a vacina en canto sexa posible para frear a posible transmisión do virus e, polo tanto, “ofrecer máis seguridade aos usuarios do servizo, ás súas familias e ás propias traballadoras”.

Vacinas nas residencias de maiores
O voceiro popular explica tamén que “a Xunta está a vacinar aos usuarios das residencias de maiores de Ribadeo” e incide en que “é moi importante a día de hoxe para protexer aos nosos maiores fronte á covid-19”.

Exit mobile version