Con ese obxectivo, o Grupo Municipal Popular levará ao pleno da corporación municipal unha moción “con medidas concretas que tamén pide o tecido económico local” despois de ter defendido xa ata en dúas ocasións, a primeira o 23 de marzo do 2020, un plan de reactivación para Ribadeo que non contou co apoio do goberno local do BNG. A nova proposta dos populares recolle:
1.- A exención extraordinaria da taxa do lixo e da auga para os locais afectados polo peche de actividades previsto na orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específica a consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica en Galicia.
2.- A suspensión da vixencia da taxa pola ocupación do dominio público (terrazas, venda ambulante, alugueiro dos postos da Praza de Abastos) e a suspensión do IBI no 2021 para os negocios afectados polas medidas para a contención da covid-19.
3.- Axudas directas aos negocios pechados para dar cumprimento á orde do 26 de xaneiro ou que reduciron en máis dun 75% os seus ingresos respecto ao mesmo período do ano 2020.
4.- Un plan urxente de pago a provedores para aboar as facturas pendentes no menor tempo posible para contribuír a reducir o efecto económico deste tempo de parálise.
Apoios para axudar a paliar gastos e perdas
O voceiro popular considera que “as medidas establecidas para a xestión da crise sanitaria da covid-19 condicionan o normal exercicio das actividades económicas que van dende o peche total da actividade, á redución de aforos ou á implantación de medidas preventivas”. Isto deriva en perdas económicas que se acrecentan máis na vila de Ribadeo debido ao peche perimetral da comunidade autónoma que supón a perda de moitos clientes para o comercio local ou na necesidade de facer fronte a outros gastos en subministros (máscaras, hidroxeles e produtos de limpeza) e materiais (mamparas, toldos, etc.).
Vega reivindica “o apoio de todos ao noso tecido económico” e subliña que “outras administracións coma a Xunta establecen apoios para os distintos sectores afectados polas medidas sanitarias para a contención do coronavirus e tamén axudas para os sectores que viron limitadas a súa actividade tralas últimas medidas para a xestión da pandemia en Galicia”. Así mesmo, explica que “outros Concellos establecen axudas ou outras medidas coas que axudar a paliar a falta de ingresos nestes momentos”.