Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega agradécelle a Suso Mundiña “o seu traballo” e agarda que a súa renuncia “non se deba a problemas internos do goberno do BNG”

Ribadeo, a 25 de febreiro de 2021. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, traslada o seu agradecemento ao concelleiro Suso Mundiña “polo seu traballo e a súa dedicación” tras coñecer que deixará o goberno municipal do BNG.

O popular dálle as gracias ao edil como “compañeiro da corporación ribadense” en sinal de recoñecemento polo tempo dedicado ás súas funcións no goberno local e agarda que “a decisión do concelleiro responsable da área de Medio Rural se deba a motivos persoais, tal e como transcendeu, e non a ningún outro”.

O voceiro popular agarda, polo tanto, que “esta dimisión non se deba a ningunha división interna entre os membros do BNG local” porque “tendo en conta que é o partido que goberna e que, polo tanto, está a xestionar os cartos dos ribadenses, os prexudicados por unha posible división interna serían os veciños”. Vega témese que “algún concelleiro dos gobernos anteriores queira seguir mandando” e, polo tanto, “xere este tipo de situacións entre os concelleiros do goberno actual”.

Un goberno sen proxecto nin ilusión
Sobre o actual goberno local do BNG, Vega apunta que “falta ilusión e proxecto” e iso “padecémolo tódolos ribadenses. Nótase no día a día e nótase tamén na falta de decisións, na falta de investimentos e na falta de xestión”. Neste sentido, pídelles “responsabilidade” aos membros do equipo de goberno local.

Exit mobile version