Suso Bermello criticou a falta de interlocución e de información por parte das autoridades sanitarias e educativas nun asunto desta relevancia, lembrando que hai case un mes que se lle solicitara nunha carta dirixida ao conselleiro transparencia na toma de decisións sen obter resposta algunha. O conselleiro comprometeuse a que na mañá de hoxe habería unha reunión virtual de urxencia coa representación sindical despois dunha que debían manter coa Consellaría de Sanidade, con posterior comparecencia diante dos medios, adiantada 24 horas polo caos creado pola propia Xunta.
A primeira hoxe desta mañá vimos de ser convocados polo Director Xeral de Centros e RR.HH.para proporcionarnos “información sobre vacinación do profesorado no sistema educativo galego”.
A CIG-Ensino demandará datos pormenorizados sobre o calendario de vacinación, da posíbel diferenza, motivada polo ritmo de chegada das vacinas, entre o persoal que traballa nos centros ou fóra mais con actuación directa neles, en función do contacto directo co alumnado e, por tanto, do carácter esencial maior ou menor. Tamén demandaremos información sobre a posibilidade de que se teñan en conta ou non outros factores, como é o caso do risco potencial por motivos de saúde ou idade así como contraindicacións para determinados casos como mulleres embarazadas ou que están buscando o embarazo.
Agardemos que o exemplo de descoordinación e falta de rigor do día de onte se vexa acompañado hoxe dunha rectificación na política de información e posta en común coas organizacións sindicais e de total transparencia nos criterios, prazos e características da campaña de vacinación de todo o persoal que traballa nos centros educativos.