O Parlamento do noso País aprobou, só co voto da maioría absoluta do PPdeG e o rexeitamento do BNG e do PSdeG, unha reforma da Lei de Saúde de Galicia de 2008 que sanciona como infracción a negativa ao vacinamento cando veña acordado polas autoridades sanitarias galegas.
De primeiras cómpre salientar a pouca vontade do Goberno do PP de se someter aos controis democráticos previstos para a produción lexislativa, ao optaren pola proposición de lei do seu Grupo Parlamentario no canto da fórmula do proxecto de lei, que é a que adoitan desenvolver os Gobernos democráticos. E que obriga a un conxunto de consultas a prol da meirande participación cidadá e garantía de proporcionalidade social e acerto xurídico.
Malia toda a literatura espallada estes días a norma non imporá o vacinamento obrigatorio. O único efecto desta lei é definir unha normativa represiva para o suposto que se determine esa obrigatoriedade no futuro.
Que esixe o réxime xurídico vixente para unha obrigatoriedaade do vacinamento? No que atinxe á obriga de determinadas persoas e colectivos, esta reforma legal non mudou nada. De feito, xa a Xunta xa requiriu con bo suceso dos Tribunais competentes da orde contencioso-administrativo, ao abeiro das competencias que lle outorga a Lei Orgánica 3/1986 determinados vacinamentos forzosos. Porque esta norma é a única que permite actuacións restritivas de liberdades con autorización xudicial, mais só para persoas ou colectivos concretos, atinxidos pola pandemia e non con carácter xeral.
E como obriga xeral? Non mudou nada. E que cumpriría para implantar xeralmente o vacinamento obrigatorio? Unha lei orgánica que definise os requisitos de proporcionalidade e necesidade `para que a Xunta puidese acordar un determinado vacinamento xeral. Porqué? Porque non hai normativa sobre doenzas infecciosas que determine a obrigatoriedade desta vacina e porque só a medio dunha lei orgánica pódese delimitar o exercicio dos dereitos fundamentais, entre eles os dereitos á liberdade., á integridade física e á intimidade persoal, que impiden un vacinamento obrigatorio xeral.
Velaí que esta lei, no ámbito do vacinamento obrigatorio, non achegue nada novo. E bótase a faltar, como ten sinalado aqueladamente a profesora Alba Nogueira (USC) que non se aproveitara esta oportunidade para regular cuestións que si admitían unha inmediata regulación en sede de Dereito galego, como a obrigatoriedade do vacinamento para o acceso aos centros de día ou outros centros e actividades sociais, educativas, culturais e de lecer.
A montaña, pois, pariu un rato. No canto de atendermos ao reforzamento do sistema público de saúde e ás responsabilidades públicas pomos o foco na restrición das actitudes persoais, na represión das liberdades. E, con todo este balbordo para nada práctico, estamos a afortalar aos anticientíficos e negacionistas.