Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela rescata un valiosísimo punto a 5 segundos da bucina

Burela, 27 de febreiro, 2021. O Pescados Rubén Burela FS non deixa de crer en si mesmo e por iso hoxe conseguiu unha grata recompensa, rescatando un valiosísimo punto na pista do Futbol Emotion Zaragoza (3-3) a 5 segundos da bucina final. Tras o 1-1 ao descanso, as filas dirixidas esta tarde por Alfonso Mera souberon responder ao brillante regreso dos locais; David Pazos neutralizou o tanto de Eloy Rojas, pero un erro do naronés sobre a rede devolveulles a iniciativa aos maños. Os galegos encontraron o ansiado empate con xogo de cinco.

O pau aliouse coa solvencia de Edu nos primeiros minutos, cun Zaragoza máis incisivo fronte á concentración defensiva do Burela, en media pista, tratando de evitar as transicións do conxunto local. Javi Alonso deu o primeiro aviso, no minuto 2. Tras a primeira chegada con perigo dos galegos, nas zapatillas de David Pazos, Retamar tamén fixo tremer o pau, no 6, desde de saque de banda, e pouco máis tarde volveu estrelala, no 9, Eloy Rojas. Álex Diz mantivo aos seus a salvo no 12 nun gran repregamento. E foi precisamente o 22 burelista o encargado de estrear o luminoso a escasos segundos nunha bonita xogada colectiva que culminou o lugués a pase de Mata, atopando o oco fronte a Iván Bernard. Rearfirmou este tanto o plan de partido Pescados Rubén para gañar en posesión, buscando profundidade, e liberarse da insistencia maña. O Siglor XXI viviu un ritmo máis lento e ocasións máis mitigadas chegando ao ecuador, pero subiu a quinta falta para as filas mariñás e dispuxo o Futbol Emotion do premio do dobre penalti, con Retamar. Tras unha nova alianza da portería co naronés, Eloy Rojas non fallou á contra, sentenciando o empate a 1’41” para o a bucina do ecuador.

Eloy Rojas, nunha vaselina, conseguiu a iniciativa na primeira xogada da continuación. Giasson a punto estivo de sorprender no 22, cunha man brillante de Iván Bernard, pero David Pazos non tatexou no 23. Con todo, pouco durou a alegría nas filas do Pescados Rubén, que recibiu a escasos segundos do 3-2, nun erro de Edu, que aproveitou Javi Alonso desde falta de Ortego. Basile protagonizou o perigo nos seguintes compases, de novo estrelándose co pau no 27 e sen axustar definición no 29. Non concretaron os de David Marín o cuarto, nas zapatillas de Juanqui, cunha boa actuación de Edu; restaban aínda 8 de partido. Tampouco puido aproveitar Burela as súas oportunidades de ouro coa elegancia de Álex Diz, rozando a igualada no 34 cun cano a Retamar que se lle foi alto sobre a rede; e no 36 en estratexia, con saque de esquina de Pazos que non puido rematar Renato por milímetros. Con case tres minutos por diante, Diz enfundouse na camisola de porteiro xogador; insistiron os de Alfonso Mera e non se precipitaron; así Diz tivo a serenidade exacta para recuperar e cederlla a Renato para que o 12 lla servise en bandexa de prata a Quintela e selar o ansiado empate a tan só 5 segundos para o final.

Venres 12, próxima cita

Os laranxas, xa con Sito Rivera no banco, retomarán a competición o venres 12 de marzo coa xornada 23, despois do descanso ligueiro da próxima semana. Vista Alegre acollerá a cita ante Osasuna Magna, ás 20.30 horas.

Ficha técnica

Futbol Emotion Zaragoza: Iván Bernard, Javi Alonso, Eloy Rojas, Adri Ortego, Juanqui, cinco inicial; tamén xogaron Dian Luka, Retamar, Jamur, Óscar Villanueva, Santi Basile

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Giasson, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron David Pazos, Quintela, Javi Rodríguez, Renato,

Goles: 0-1, minuto 13, Álex Diz; 1-1, minuto 19, Eloy Rojas; 2-1, minuto 21, Eloy Rojas; 2-2, minuto 23, David Pazos; 3-2, minuto 24, Javi Alonso; 3-3, minuto 40, Quintela

Árbitros: Bustos Caparrós // Ramos Marín (Andalucía). Por Zaragoza amarela para Ortego (minuto 40). Por Burela amarela para Quintela (minuto 18), Edu (minuto 19), Matamoros (minuto 19), Álex Diz (minuto 27)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de Primeira División Masculina disputado no Siglo XXI de Zaragoza

Exit mobile version