O edil de Cultura de Burela, José Díaz, dixo que “dende a delegación de Cultura do Concello de Burela queremos anunciar a actividade que faremos este mércores, 24 de febreiro, en homenaxe a Rosalía de Castro, xa que ese día se conmemora a data do seu nacemento”.
O concelleiro burelés explicou que “imos facer un programa en directo desde Radio Burela, de sete a nove da tarde. Gardaremos o podcast dese programa para que estea a disposición de quen queira escoitalo. Durante esas dúas horas analizaremos a figura de Rosalía de Castro, todo o que significou e o que significa tanto para Galicia como para a literatura e para España”.
Díaz subliñou que “é unha escritora de altísimo nivel e moitísima xente fixo referencia aos seus textos en moitas artes como veremos no programa. Estará xunto a min desenvolvendo o programa Paco Piñeiro, profesor e director de teatro de A Adala, de Cervo, que está moi vinculado á literatura galega e que é un defensor a ultranza do noso. Tamén intervirán moitos personaxes coñecidos do panorama artístico e cultural galego, directores de cine, actrices, humoristas, escritores e escritoras, que darán a súa opinión de quen foi Rosalía de Castro e do que significa hoxe en día para nós”.
O programa de Radio Burela contará coas intervencións de Karina Parga, Pablo Mosquera, Rocío Rivera, Alfredo Llano, Mario Pillado, Manuel Rouco, Rosa Cedrón, Xosé Antonio Touriñán, Rosalía Castro, Sergio Pazos, Belén Tajes, Ignacio Vilar, Melania Cruz, María Vázquez, Carlos Blanco, Sabela Hermida, Ledicia Sola, Estíbaliz Veiga, Lucía Pérez e o alumnado do IES Perdouro.