Site icon Crónica3.com A Mariña

As cancións creadas a partir do Proxecto Lorca, promovido pola Vicepresidencia, xa están dispoñibles na rede

Lugo, 15 de febreiro de 2021. A vicepresidenta Maite Ferreiro anunciou que xa están dispoñibles para a súa escoita as cancións creadas ao abeiro de Proxecto Lorca, unha iniciativa impulsada pola área de Cultura da Deputación de Lugo e a área de Cultura da USC no Campus de Lugo. Trátase de pezas compostas sobre o poemario “Seis poemas galegos” de Federico García Lorca por músicos e grupos lucenses.

Abrigueiro Estudio encargouse da gravación e produción dos temas, que se estrearon o pasado mes de decembro nun concerto na Casa do Saber e que desde este luns están dispoñibles na canle de Youtube de Vicepresidencia e tamén na plataforma Spotify.

Maite Ferreiro explicou que “coa gravación e difusión dos poemas musicados ampliamos o percorrido de Proxecto Lorca, unha programación organizada o pasado mes de decembro en lembranza da primeira visita realizada por García Lorca a Galiza, e poñemos en valor o traballo de creadores lucenses que asumiron o reto de poñer música por primeira vez a cinco das seis composicións do poemario en galego do autor granadino”.

Noelia Geada e David Taboada musicaron “Cantiga do neno da tenda”; o grupo Nebra puxo música a “Danza da lúa en Santiago”, a banda indie Infrarroja, a “Romaxe da Nosa Señora da Barca”; os músicos Quique Muruáis e Luis Monsalve compuxeron sobre “Noiturnio do adoescente morto”; mentras que o dúo Condensadores de Fluzo acompañaron os versos de “Canzón de cuna pra Rosalía de Castro, morta” O repertorio complétase con “Chove en Santiago”, unha melodía de Carlos Díaz para o poema “Madrigal á cibdá de Santiago” composta xa en 2015 pero rexistrada agora por primeira vez para a súa difusión.

O repertorio complétase con “Chove en Santiago”, unha melodía de Carlos Díaz para o poema “Madrigal á cibdá de Santiago” composta xa en 2015 pero rexistrada agora por primeira vez para a súa difusión.

A gravación e difusión das cancións culmina Proxecto Lorca, unha programación arredor da primeira visita de Federico García Lorca a Galiza en 1916 nunha viaxe cultural de estudos, segundo documentou o escritor e editor Henrique Alvarellos. Nesa visita comezou a forxarse a relación do poeta granadino coa cultura galega que transloce no poemario “Seis poemas galegos”, publicado pola Editorial Nós en 1935.

Exit mobile version