Esta acción prolongarase ata o mes de maio e conta con tres niveis, en función dos distintos grupos de clasificación profesional do funcionariado. Hai catro módulos, que tratan sobre a propia Deputación, recursos humanos, procedemento administrativo e novas tecnoloxías. Impartiranse 8 edicións dos distintos cursos, que en total suman 320 horas de formación.
Co fin de facilitar a participación e co fin de extremar a prevención ante a pandemia da Covid-19, a formación desenvólvese de xeito telemático.
Unha institución máis eficaz, áxil e próxima
Esta acción é pioneira entre as administracións públicas de Galicia, tanto polas características da formación, como polas súas dimensións e alcance. Como avanzou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, na presentación desta iniciativa, o plan cumpre un dobre obxectivo. Por unha banda, dá ferramentas aos empregados e empregadas públicas da Deputación para progresar na súa carreira profesional a través da mellora das súas competencias e capacidades, o que supón un salto nas súas condicións laborais e salariais. E, por outra banda, mellórase o funcionamento da Deputación e, polo tanto, a atención aos concellos e á cidadanía, e a prestación dos servizos públicos”.
Con esta formación a Deputación de Lugo continúa avanzando cara unha institución máis eficaz, áxil e próxima tanto aos concellos coma ao conxunto da veciñanza. Para logralo, considérase imprescindible contar cun corpo de funcionarios ben dimensionado e tamén ben preparado, especializado e con coñecementos permanentemente actualizados.
Co Plan de Formación para a Promoción Interna Horizontal, o Goberno da Deputación de Lugo fai realidade un acordo da Mesa Xeral de Negociación, o órgano de diálogo entre a Administración pública e os representantes sindicais.