Burela, 17 de febreiro, 2021. O rexedor municipal referiuse á polémica suscitada nos últimos días coa vacinación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar: “este proceso comezou o día 2 de febreiro, cando a FEGAMP nos enviou unha comunicación para solicitarnos os datos das traballadoras do SAF. Xa tíñamos todo resolto o día 9, despois de preguntarlles ás traballadoras se voluntariamente querían vacinarse e dixeron que si, e enviouse a documentación á FEGAMP, que o día 11 trasladou eses datos ao SERGAS. E hoxe xa se está vacinando ao persoal do SAF, o que é moi importante e demostra que se fixeron as cousas dunha maneira impecable por parte do Concello de Burela para lograr o obxectivo de vacinar o antes posible ao persoal do SAF. Todo o mundo debe recoñecer que este Servizo de Axuda no Fogar é un colectivo vulnerable porque vai polas casas e ten que ter todas as garantías sanitarias ao día”.
Alfredo Llano engadiu que non entende o motivo polo cal “o Partido Popular cuestiona o labor da Concellería de Servizos Sociais, dado que se fixeron as cousas con gran rapidez e moi ben. Polo tanto sería bo que o PP explicara a todo o mundo cal é a razón real pola que tratan de desprestixiar este labor. Parece mentira que esta oposición non teña máis miras e non se ocupe doutras cousas porque neste asunto quedaron realmente mal”.
“Nós vamos procurar axudar o máximo posible ao resto dos profesionais que traballan no Concello e aos colectivos que lles vaia correspondendo recibir a vacina para entre todos conseguir un estado de seguridade sanitaria suficiente como para normalizar unha vida que nos permita combinar perfectamente o sanitario co socio económico o antes posible”, rematou o alcalde.