Con todo, Regueiro asegura que seguirán o asunto “con lupa”, agardando que o rexedor non se refira a cubrir a praza con volver a poñer á traballadora de Turismo a atender tamén a Biblioteca, como aconteceu dende mediados de novembro ata que en decembro se lle acabou o contrato e pecharon o edificio. A mesma rapaza volverá a ser contratada para Turismo, logo de superar recentemente o proceso selectivo convocado a tal fin.
O voceiro do Grupo Municipal Popular amósase convencido de que “foron as nosas queixas as que o obrigaron a cambiar de decisión”, pois, lembra, “o alcalde díxome en primeira persoa que non tiña previsto cubrir a praza”. “Os feitos son os que dan e quitan razóns e nas fotos que temos o amontoamento de xornais demostra que as dependencias levan tempo pechadas”, remarca.
Pleno de Orzamento
Mañá terá lugar o pleno no que o equipo de goberno someterá a votación o Orzamento de 2021. Son algo máis de 3,3 millóns de euros que, segundo afirma Regueiro, “non servirán para facer ningún investimento novo na Fonsagrada”. Proba delo é que do montante total, un millón é para o SAF, 800.000 euros para gastos de soldos e o millón restante para pagar facturas que algunhas están xustificadas e outras non. É o caso dalgunha relativa ao arranxo de maquinaria. Por este motivo, os populares amosan a súa desconformidade coa xestión do goberno local, que “só ten o presuposto para vivir ao día, non para mellorar ou dar servizo ás parroquias”.
Contas “ineficaces”
Para Regueiro este documento orzamentario “non pode ser máis ineficaz”, xa que o que destina o Concello a inversión só figuran 18.000 euros para aplicacións informáticas, 20.000 para a construción do residencial Rois e 19.000 euros do Plan Único. “Se quitamos estas pequenas aportacións para estes podemos decir que a inversión real é de 0 euros”, sinala o popular. E é que “non existe ningún investimento ao que o Concello poida facer fronte con recursos propios como entidade autónoma”.
Por este motivo, José Regueiro preguntaralle ao rexedor “con que pensan financiar as piscinas climatizadas que anunciaron a bombo e platillo na última campaña electoral para as eleccións municipais ou se é capaz de confirmar se o Concello ten pensado facer algunha inversión con recursos municipais.
Concello endebedado
Por outra banda, lamentan que a xestión sexa “tan ineficaz”, que o goberno local non é capaz de artellar ningunha fórmula para reducir a débeda que a entidade local arrastra reiteradamente durante anos, e que supera os 300.000 euros. “Seguimos tendo un Concello endebedado, no que non hai inversión e que o único que fai é intentar ir ao día. Así é imposible mellorar A Fonsagrada”, conclúe o popular.