Burela, 5 de febreiro de 2021. AICA Burela atópase dende hai case un ano coa directiva en funcións. Por parte da asociación maniféstase a necesidade de reverter esta situación. Os establecementos locais da vila necesitan novas ideas, perspectivas e ilusións, máis, neste momento coa difícil situación que está a provocar a COVID-19. O comercio local de Burela conta cunha asociación, que non deixou de medrar en canto a socios nestes meses de pandemia, e precisa dunha nova directiva que o apoie e impulse con accións e actividades que axuden a promocionar a compra e o consumo nos establecementos de proximidade. En torno a este tema, está previsto que, en canto a situación e as medidas de prevención da COVID o permitan, se celebre unha nova asemblea na que renovar a directiva da ACIA Burela.
Ademáis, a asociación, durante o primeiro trimestre deste ano non cobrará a cota do socio. Unha medida máis dentro do obxectivo de apoiar aos nosos comerciantes.
Noutro orden de cousas, a Directiva en funcións púxose en contacto co Alcalde da Vila, Alfredo Llano, xa que hai moitas protestas do tecido empresarial xa que non foron aboadas as axudas que están presentadas dende o mes de setembro. O rexidor local contestou que entende o enfado xeral; están a comezar a aboar as que teñan o papeleo en regra e que o problema e a normativa e que dependan de outros as resolucións finais. Dende a asociación só esperamos que se axilicen tódolos procesos na medida do posible, xa que as axudas son moi necesarias nestes momentos duros e de peche para moitos de nos.
Para rematar, apelamos á responsabilidade individual nestes tempos tan complicados por mor do aumento de contaxios que provocaron, por cuarta vez na nosa vila, o peche perimetral. Non obstante, os establecementos de Burela contan con todas as medidas de prevención e hixiénicas para facer deles un comercio local seguro, no que o risco de contaxios sexa mínimo. Ademais, en caso de que algunha persoa que resida nos concellos limítrofes precise algún produto das nosas tendas, moitas delas contan con servizo de reparto a domicilio, para facilitar as compras. Agora, máis que nunca, precisamos que a veciñanza apoie o noso comercio porque esta é a única maneira de seguir MEDRANDO XUNTOS.